Da estela do campus que o ex xogador Wayne Brabender dirixiu na Rúa durante máis de trinta anos, nacía o que actualmente dirixe Roberto Morentin, ex xogador da ACB e que neste 2023 celebraba a IV edición.
Dende o 23 de xullo uns 80 mozos e mozas de diferentes puntos de España, principalmente Madrid e Valladolid, asisten a este campus deportivo controlado por 12 monitores. Co aloxamento nas instalacións do Pablo VI, ao longo da semana os rapaces practicaron baloncesto nos catro pavillóns cos que conta A Rúa (os dos institutos máis o das monxas e o municipal), intercambiando as clases e os partidos coas piscinas, rutas de sendeirismo e visitas pola contorna.
Deixarán a vila ruesa o luns 31 de xullo pero na tarde deste sábado día 29, a comitiva era recibida no Concello para que coñeceran á corporación municipal, sentando as bases da vindeira edición.