En portadaGalerías de fotosÚltima hora

V Córgomo Arte, unha porta aberta á creación no rural

A quinta edición desta mostra, que poderá visitarse en Córgomo (Vilamartín) ata o 8 de xaneiro, reúne a obra de once artistas baixo o título “Corpora Prima”

Esculturas en madeira, mármore ou ferro. Pintura de estilos e técnicas moi diversas. Debuxo e tamén fotografía. “Córpora Prima” é o título da mostra da quinta edición do proxecto Córgomo Arte. Achega un variado e diverso conxunto de pezas de arte contemporánea de once autores valdeorreses, pero tamén lucenses. Como en anteriores ocasións, está instalada nun espazo expositivo privado deste pobo vilamartinés.

A mostra abría as súas portas, cunha notable e continua afluencia de visitantes, na tarde do 3 de decembro. Percorrían os diferentes espazos, tanto interiores como exteriores (mesmo algún nunha zona de horta), desta exposición colectiva na que cada creador aporta dous ou tres pezas sobre a mesma temática. “É un pouco volver ás orixes, á catarse que supón o acto creador e na relación coa natureza, co xerme. Esa é a idea en común que se escolleu para todos os artistas”, explica a comisaria de Córgomo Arte, Silvia Fiallega.

Entre os artistas participantes están os dous promotores deste proxecto expositivo, Manuel Conde e Víctorino Núñez (Torino). Xunto á súa escultura poden verse obras de Alba Aizpuru, Cochorro, Crystilandia, Brais F. Vizcaya, Patricia Fernández Paz, Jaigarr, Mercedes Paz Pérez, Carina Rodríguez e Laura Varela.

Esta singular mostra, que aproxima o arte contemporáneo local e galego ao rural valdeorrés, poderá visitarse ata o vindeiro 8 de xaneiro.

Fotos: Carlos G. Hervella
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button