CulturaCulturaEducaciónGalerías de fotosÚltima hora

Vacinación contra o “violentovirus” no CEIP do Bolo

Os cativos participaron nunha peculiar campaña para conmemorar o Día da Infancia e o Día Internacional contra a Violencia de Xénero

No CEIP do Bolo veñen de poñer en marcha unha orixinal iniciativa promovida por Unicef, para conmemorar dúas importantes datas: o Día Universal da Infancia e o Día Internacional contra a Violencia Xénero, co obxectivo principal de participar e tomar conciencia do dereito da infancia a vivir en paz e a protexerse de todas as formas de violencia.

Para iso, dende o centro escolar propuxeron aos alumnos unha reflexión sobre a importancia da existencia do Día dos Nenos, para que eles mesmos expresaran a súa opinión defendendo o dereito e a importancia de celebrar este día. Esta actividade dividíase en dous grandes bloques. Na primeira parte, “os nenos reflexionaron sobre os distintos tipos de violencia que lles afecta e representárona a través de debuxos e varias fotografías buscadas por Internet, revistas e xornais, creando así o Violentovirus”, explican dende o colexio.

O seguinte paso foi atopar unha forma de illar o virus. “Para iso creamos unha vacina con diferentes compoñentes (amor, respecto, paz, amizade,…) na que cada neno contribuíu mediante unha tarxeta de vacinación, acordando chamarlle Antiviofictus (Anti-violencia e conflito): comprimido de caramelo que vai acompañado dun prospecto coas indicacións e efectos secundarios”, din dende o colexio, engadindo que tamén crearon un manifesto no que detallan unha serie de compromisos “que manterán para vivir nun ambiente seguro onde a paz, a non violencia e o bo trato sexan a base da nosa convivencia, xunto con varias solicitudes dirixidas aos responsables da protección dos seus dereitos”.

Finalmente hoxe, 23 de novembro, toda a comunidade educativa do CEIP do Bolo, así como a poboación en xeral, foi convocada no Centro de Saúde para vacinarse contra o Violentovirus, nun acto simbólico no que leron o seu manifesto, administraron á poboación a vacina “que non se toma, senon que se pensa” e cantaron todos xuntos o himno oficial dos dereitos dos nenos de Unicef.

Artigos relacionados

Back to top button