José Luis Prieto Diéguez ‘Lilí’ era un artista polifacético. Igual pintaba un mural que transformaba obxectos, facía esculturas, pintaba mobles ou casas, dándolle sempre un toque artístico, adaptándose á situación e ao entorno, deixando tras de si unha estela de obras que permanecerán no tempo.
A súa pegada e o seu talento están en infinidade de lugares. Na praza do Concello da Rúa, no parque do Pombar, na rúa Progreso, en Fontei, no CEIP Manuel Respino, en Somoza… e “en tantos e tantos corazóns que tocou ao longo da súa vida”, asegura María G. Albert, alcaldesa da Rúa, a vila na que residía dende hai anos e na que falecía o venres 23 de febreiro aos 68 anos vítima dunda enfermidade.
Lilí era rues por elección e unha das súas últimas obras era o mural de acceso ao Aguillón que retocaba hai apenas uns días tras ser vítima dun acto vandálico.
A sua capela ardente está no Tanatorio San Antón na Rúa, pero era natural de Santa Cruz (O Bolo) e nese concello será soterrado. O funeral será mañá, domingo 25 de febreiro ás 16 horas no Santuario Nosa Señora das Ermitas e seguidamente terá lugar o sepelio no cemiterio de O Cruceiro.
Homenaxe a Lilí
Na tarde deste sábado celebrábase unha xuntanza na entrada ao Aguillón para agradecer a Lilí o amor que puxo nesta obra. “As túas bolboretas voan libres, coma ti, enchendo de cores este mundo que ti, co teu pincel de mestre, nos axudas a debuxar dende o ceo. Grazas”, aseguran dende ‘Matria, Cheas de Vida’, promotora do mural.