EditorialOpinión

Valdeorras, entrada da ruta xacobea

Dende o Periódico O Sil desexamos que o ano 2014 sexa positivo para todo o mundo e, en especial, para as xentes da Galicia Interior

O 2014 podería ser o ano do Camiño de Inverno. Iso é o que esperan as asociacións que levan case tres lustros traballando por esta ruta xacobea que entra en Galicia por Valdeorras, así como concellos, entidades culturais, representantes do sector turístico e hostaleiro, e os propios cidadáns. Confían en que neste ano que agora comeza teña lugar o recoñecemento oficial desta ruta, longamente demandado. Malia haber dous acordos unánimes no Parlamento de Galicia (un de decembro de 2009 e outro de febreiro do 2013, no que se daba un prazo de seis meses para publicar a resolución) esta ruta segue sen ser oficial. E iso malia á importancia que este camiño pode chegar a ter dende un punto de vista cultural, turístico e económico para os concellos e as comarcas que atravesa: O Bierzo, Valdeorras, a Ribeira Sacra lucense e O Deza.

Para reafirmarse nesa reivindicación e amosar publicamente a súa unidade, os representantes políticos, sociais, culturais e turísticos das zonas polas que discurre o Camiño de Inverno mantiñan unha xuntanza o 13 de decembro en Monforte de Lemos. Ademais destacaron o incremento de persoas que realizan este traxecto para ir a Santiago, matizando que no ano 2013 foron uns 2.500 os peregrinos que pasaron por el. E iso a pesar de que o camiño non ten a publicidade das rutas oficiais e que hai zonas cunha sinalización deficiente, como é o caso de Valdeorras.

Por iso agardan que o proceso para recoñecer a esta ruta como xacobea finalice neste ano 2014, no que ademais o Camiño de Santiago vai ter un protagonismo especial ao conmemorarse o VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago. Por razóns como estas neste número co que estreamos o 2014 o tema de En Portada non podía ser outro que o do Camiño de Inverno.

Pero nesta edición de xaneiro, xunto coa que os nosos subscritores recibirán o calendario de sobremesa de O Sil (que tamén se pode mercar a un prezo de 3 euros nos quioscos), hai moitos outros asuntos. Falamos, por exemplo, de economía, cunha entrevista na que coñecemos un grupo valdeorrés da construción, Actyon, que está a realizar traballos por diferentes puntos de España e do mundo, como é a canle de Panamá. E, tampouco deixamos pasar de longo, a multitude de citas gastronómicas das que poderá desfrutarse en xaneiro: a IV Ruta dos Pinchos e a XIV Festa do Botelo no Barco, a XX Cea do Cocido de Piñeiro, as VII Xornadas Gastronómicas e de Recuperación do Porco Celta de Manzaneda ou a VII Festa do Codillo da Rúa, entre outras.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button