EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaViticultura

Valdeorras reivindica o seu potencial como destino enogastronómico de calidade na apertura da “Primavera de Portas Abertas”

O programa estreábase cun acto no Pazo do Castro (O Barco) que contaba coa presenza do director da Axencia de Turismo de Galicia

 

Poñer en valor o enoturismo desta comarca e facer desta actividade unha fonte de recursos para os veciños durante todo o ano. É o obxectivo co que arranca a ‘Primavera de Portas Abertas’ que promove a Axencia de Turismo de Galicia, en colaboración coa Asociación da Ruta do Viño de Valdeorras. Unha edición na que se espera que se batan récords de participación e para a que se ten preparada “unha variada programación capaz de satisfacer ao turista máis esixente” cun total de quince propostas, segundo a organización

Neste sentido, as previsións de participación así o parecen anunciar, xa que se cubriron nun tempo relativamente curto todas as prazas dos buses do viño que sairán das cidades de A Coruña, Santiago, Pontevedra, Vigo, Ourense e Ponferrada. Ademais, segundo puido confirmar a organización, todas as adegas participantes na acción tamén recibiron un gran numero de reservas de visitantes que acudirán a Valdeorras pola súa conta.

 

 

“Valdeorras é a alumna avantaxada da Primavera das Portas Abertas das Rutas do Viño”, aseguraba o director da Axencia de Turismo de Galicia, José Manuel Mereles, no acto inaugural, destacando a evolución deste territorio dende que se empezaron a celebrar estas xornadas en Galicia. “É unha satisfacción comprobar como cada ano máis establecementos e adegas participantes e máis asistencia neste evento, pero tamén comprobar como ao longo do ano se organizan cada vez máis iniciativas de promoción do enoturismo como son a Feira do Viño de Valdeorras en Viloira (O Barco), a Bacofesta na Rúa, a Festa das Covas en Vilamartín…”. Merelles lembraba que a gastronomía é o segundo motivo polo cal os visitantes elixen Galicia como destino e que no pasado 2023 a comunidade batía récords de turistas, “moitos atraídos pola gastronomía e polo valor dos viños de Galicia. Cada vez máis xente aposta polo viño como medio de promoción turístico”.

E nesa liña, poñía en valor o Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) de Valdeorras, que ten precisamente o enoturismo como fío condutor. Merelles estaba acompañado neste acto polo presidente da Ruta do Viño de Valdeorras, Joaquín Sánchez; pola deputada delegada especial da Deputación de Ourense en Valdeorras e alcaldesa de Carballeda, María Carmen González; e polo alcalde do Barco, Alfredo García, entre outras autoridades como alcaldes da comarca e concelleiros, ou o presidente do CRDO Valdeorras e a presidenta de AEVA.

 

 

Durante a súa intervención, o presidente da Ruta do Viño de Valdeorras subliñou que á hora de deseñar o programa de actividades de ‘Primavera de Portas Abertas’, a entidade tentou amosar a turistas e interesados o modo de cultivar, recoller e tratar as uvas que se dan lugar a este viños tan carismáticos. De cara a conseguir este obxectivo, Joaquín Sánchez agradeceu a implicación dos establecementos hostaleiros e das adegas que colaboraron na iniciativa.

Polo de atracción

A Asociación Ruta do Viño de Valdeorras quere deste xeito, contribuír a o enoturismo sexa un polo de atracción nesta comarca, do mesmo xeito que xa o é o Camiño de Inverno e cara a conseguir este obxectivo Joaquín Sánchez aposta por promocionar este territorio dun xeito integral e conxunto, identificando, por suposto, os valores locais singulares de cada concello.

 

 

A Ruta de Viño Valdeorras incluíu nesta edición de ‘Primavera de Portas Abertas’ unha oferta dirixida a que os visitantes “poidan gozar das paisaxes, patrimonio, natureza, xentes e tradicións que envolven a cultura vitivinícola de Valdeorras con actividades tan diversas como xantares tradicionais, visitas guiadas pola natureza e polo patrimonio arquitectónico a pé ou en bicicleta, xogos participativas e carreiras de orientación”, dicía.

A visita ás covas, “un elemento de Valdeorras como denominación de orixe en Galicia”,e un showcooking protagonizado pola verinesa Begoña Vázquez, propietaria do Restaurante Regueiro da Cova e premiada como mellor cociñeira no Galicia Forum Gastronómico de Galicia, serán os pratos fortes deste programa. “Nesta fin de semana sacamos o mellor de nós”, destacaba Sánchez, sinalando que son moitos os recursos de interse turístico que posúe a comarca, se ben o “enoturismo é o seu elemento vertebrador. E esta oferta enoturística serve para desestacionalizar o turismo interior” pero para iso “necesitamos a implicación de todos os axentes e unha unión da comarca para fixar obxectivos”, concluía, desexando que este ano “a Primavera das Portas Abertas bata récords de participación”.

 

 

Ao seu carón, a deputada provincial e alcaldesa de Carballeda, María Carmen González, anunciaba publicamente o compromiso do seu Concello de adherirse como socio á Ruta do Viño de Valdeorras. “Carballeda é basicamente minería, pero tamén queremos facer unha maridaxe co viño de Valdeorras, temos o complemento perfecto para ofrecer unha zona espectacular ao visitante”. Así mesmo incidía na aposta por un turismo diferenciador como é industrial, no que xa se está traballando, e como este, xunto co enoturismo, o patrimonio, o Camiño de Inverno ou a natureza se integran no PSTD que une aos nove concellos da comarca de Valdeorras, lembrando tamén a oportunidade que supón ter moi cerca a un Patrimonio da Humanidade como son As Médulas do Bierzo. Ademais trasladaba “a forza, cariño e disposición” do presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, de cara a apoiar estas iniciativas.

 

 

Finalmente, o alcalde do Barco, Alfredo García, pechaba a quenda de intervencións referíndose así mesmo ao PSTD “que ten como fin darnos a coñecer no mundo porque temos un gran potencial” e asegurando que “temos que medrar no traballo de atender aos turistas, temos que ofrecerlles actividades de movelos polo territorio e iso é cousa da iniciativa privada”.

A continuación comezaba a soar o grupo Kikiribú mentres se daba paso a unha degustacións de viños brancos e tintos da D.O. Valdeorras.

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button