A Xunta declarará este venres 15 de setembreo a emerxencia cinexética temporal pola presenza e os danos ocasionados polo xabaril nun total de 37 comarcas galegas entre as que están Valdeorras, Viana e Terras de Trives. Así o anunciaba esta mañá en rolda de prensa a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, que explicou que esta “será a terceira vez que se recorre a este instrumento, provisional e extraordinario, co fin de axilizar a aplicación de medidas dirixidas ao control das poboacións desta especie naquelas zonas con maior incidencia, a través de distintas modalidades e procedementos de captura”.
Tal e como subliñou a directora xeral, as circunstancias que se están a producir con relación ao xabaril facían necesario articular unha declaración excepcional deste tipo “na procura de eliminar o risco e reducir o tamaño das poboacións da especie mediante a adopción de medidas que axuden a previr no posible futuros danos”.
Trátase, en todo caso, dun “instrumento adicional e complementario á caza regrada dentro dos terreos de réxime cinexético especial e común e tamén ás actuacións de control por danos, que seguirán a desenvolverse, indicou, nos termos fixados na resolución anual pola que se regula a caza en Galicia e nos protocolos de actuación establecidos ao efecto”. En concreto, durante a vixencia da declaración nestas comarcas “permitirase abater ou capturar, sen límite de exemplares, xabarís de ambos sexos, prioritariamente femias adultas e subadultas de calquera idade”.
Así mesmo, nas zonas en situación de emerxencia cinexética temporal será posible “abater crías e femias seguidas de crías sempre e cando haxa unha autorización especial previa por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, de acordo co establecido na Lei de caza de Galicia”. Ademais, habilítanse nestas zonas unha serie de ferramentas cinexéticas que contribúan ao control das poboacións do xabaril, como “a ampliación dos períodos nos que se pode exercer a actividade cinexética, en xornadas que non estean aprobadas no correspondente plan anual de aproveitamento da tempada 2023-2024 dos tecores, ou a autorización para o uso de medios auxiliares —como visores ópticos, detectores electrónicos de paso ou presenza de animais e cebadoiros de gran ou froitos colocados nos cultivos danados— que favorezan a eficacia e o óptimo aproveitamento cinexético, faciliten a identificación dos exemplares e garantan a seguridade das persoas”.
As declaracións de emerxencia cinexética temporal nas áreas sinaladas inclúen os tecores e zonas libres onde se poderán desenvolver estas medidas extraordinarias e excepcionais. En total, a declaración abrangue 37 comarcas (12 na Coruña, 9 en Lugo, 11 en Ourense e 5 en Pontevedra) que comprenden 248 concellos (75 deles coruñeses, 54 lucenses, 87 ourensáns e 32 pontevedreses) e un 80,7% da superficie total de Galicia.
A vixencia destas resolucións estenderase desde este sábado, 16 de setembro —data de entrada en vigor das 4 resolucións— ata o 25 de febreiro do vindeiro ano, abranguendo así o período hábil de caza do xabaril na tempada 2023-2024. Con todo, poderá quedar suspendida antes no seu conxunto ou en parte do ámbito de aplicación, sempre previa resolución, de constatarse que desapareceron as causas que motivaron a declaración.