EconomíaEconomíaÚltima hora

Valdeorras xera o 38,6% do Valor Engadido Bruto do sector mineiro galego

Esta comarca é responsable de 9 de cada 10 euros xerados polo sector na provincia ourensá e o 26% do PIB de Valdeorras provén do sector da minaría, segundo o IGE
Palé de lousa valdeorresa./ Foto: Carlos G. Hervella.

O sector da minaría e produtos minerais non metálicos xera en Galicia 11.211 postos de traballo e achega o 0,7% do Produto Interior Bruto (PIB) da economía autonómica -419 millóns de euros-. Así se desprende do estudo sobre esta actividade publicado hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

Eses máis de 11.000 postos de traballo supoñen o 1% do emprego total, mentres que o sector representa un 4,3% do valor engadido xerado dentro do sector industrial e enerxético galego. A composición interna do sector reflicte que as actividades de transformación industrial (fabricación doutros produtos minerais non metálicos) son as que predominan, especialmente no que se refire ao emprego. No marco estatal, o estudo do IGE mostra que Galicia destaca pola súa especialización na industria extractiva, e tamén por ter unha capacidade para crear valor superior.

No que se refire a industria extractiva, Galicia destaca pola obtención de produtos de canteira e rochas ornamentais, fundamentalmente lousa e granito. Así, no ano 2016, a comunidade autónoma produciu o 41% das rochas ornamentais do conxunto estatal.

Sector básico

Este sector, tanto na extracción como na fabricación, identifícase como básico na economía galega, ao ser subministrador de inputs para outras ramas de actividade da economía e que, polo tanto, ten fortes encadeamentos cara adiante.

A minaría ten presenza en practicamente todas as comarcas galegas, pero destaca a de Valdeorras, que xera o 38,6% do Valor Engadido Bruto (VEB) do sector mineiro. A comarca é responsable de 9 de cada 10 euros xerados polo sector na provincia ourensá e o 26% do PIB de Valdeorras provén do sector da minaría.

Este informe forma parte da serie iniciada en 2013 coa cadea forestal-madeira, e que continuou coa automoción, a pesca, o sector cultural, o sector do transporte e o do téxtil.

Artigos relacionados

Back to top button