ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

A Valedora do Pobo, por primeira vez no Barco

Milagros Otero reuniuse coa corporación municipal e con representantes de diferentes colectivos que lles trasladaron as súas demandas

No marco do seu programa de apertura á cidadanía e convidada polo Concello do Barco de Valdeorras, a Valedora do Pobo Milagros Otero achegábase na mañá do 19 de decembro ata a localidade valdeorresa.

O alcalde era o primeiro en recibila e de seguido desprazábanse ata o Salón de Plenos onde era recibida por toda a corporación municipal. No acto, o rexedor Alfredo García dáballe a benvida, agradecendo a súa visita e a decisión de achega a Institución á cidadanía “na miña opinión, a mellor maneira de que aqueles que deben velar polos dereitos dos veciños saiban de primeira man o que lles preocupa”, dixo, asegurando que “é  honra que esté no Barco porque aínda que como ela di non ten poder executivo, estou seguro de que resolve moitos problemas”. O alcalde aproveitou a visita para plantexarlle dende o Concello a súa propia demanda, “que traslade tanto a Santiago como a Madrid que Valdeorras non só existe senón que aporta moito máis do que recibe. Que sobran as palabras e faltan feitos así como apoio contundente para que se instalen empresas na comarca que será o verdadeiro reequilibrio territorial do que todos falan pero que ninguén pon en práctica”.

Pola tarde, a Valedora reuniuse con respresentantes de diferentes colectivos de toda a comarca que tamén lles trasladaron as súas queixas e problemas. Entre eles o pavillón do CEIP Julio Gurriarán que está sen facer; a ausencia de rampa para persoas con capacidade reducida de mobilidade na estación tren; problemas de pobreza enerxética; de pensións de retornados con dobre imposición; ou de enfermos con necesidade de certa medicación sen prezo posto, entre outras.

Milagros Otero Parga daba continuidade deste xeito ao programa de achegamento á cidadanía posto en marcha tras a súa chegada á institución hai algo máis dun ano. Na primeira etapa do mesmo, a valedora desprazouse a Ourense, A Coruña, Ferrol e Pontevedra. O Barco de Valdeorras é a sexta cidade que  visita e nesta segunda fase, ademais achegarase ata Monforte, Oleiros ou Carballo, que xa confirmaron a súa disposición.

Artigos relacionados

Back to top button