OurenseÚltima hora

Variada programación no segundo semestre do 2023 no Teatro Principal de Ourense

A presentación da programación contou esta mañá coa presenza do vicepresidente segundo provincial, César Fernández; o director de Agadic, Jacobo Sutil; e a directora do teatro, Olga Mojón

 

Esta mañá tivo lugar no Teatro Principal a presentación da programación deste espazo cultural da Deputación para o segundo semestre de 2023, cunha nova aposta polo teatro, a música, a poesía, o cinema ou o humor.

O vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, participou na presentación da programación acompañado polo director do Agadic, Jacobo Sutil, e a directora do Teatro Principal, Olga Mojón.

César Fernández recoñeceu o traballo de todo o persoal do Teatro Principal e da súa directora por conformar unha programación “dunha enorme calidade, cunha oferta de todo tipo e para todos os públicos”. O vicepresidente reflexionou arredor da importancia da cultura: “É unha necesidade básica, e polo tanto o papel das administracións públicas é fundamental. En Ourense, a Deputación teno moi claro dende fai moitos anos, e este é o camiño a seguir”

Pola súa banda, o director do Agadic puxo en valor “tanto a calidade como a diversidade” da actividade do Teatro Principal, cuxa actividade converte o seu escenario nun auténtico “referente cultural” para a terceira cidade de Galicia. Así como o compromiso deste espazo coas “citas imprescindibles” do calendario escénico da tempada

Olga Mojón foi a encargada de presentar o conxunto de actuacións xa programadas, que inclúe obras de teatro de primeiro nivel, xunto a concertos e citas plenamente consolidadas como o OUFF, as proxeccións do Cineclube Padre Feijóo, o Festival de Blues, Voces Femeninas, o Festival Internacional de Teatro de Ourense ou o programa familiar “Nadal en familia”.

Unha ampla oferta

A programación do segundo semestre de 2023 comeza o 14 de setembro coa obra “La isla del aire”, coa icónica Nuria Espert. E continuará con citas como:

. IV Festival de Poesía “Imos ter máis que palabras” (16 de setembro)
. “Made in Galiza”, de Sarabela Teatro (21, 22 e 23 de setembro -estrea-)
. Concerto de Kammer Philharmonie (29 de setembro)
. “La tarara” (21 de outubro)
. Concerto da Orquesta Sinfónica de Galicia (25 de outubro)
. Concerto de “Óyeme bien” (27 de outubro)
. “Berro”, espectáculo de Nova Galega (28 de outubro)
. “Meixeverso”, monólogo de Pablo Meixe (4 de novembro)
. “Búho”, montaxe da Titzina Teatro (5 de novembro)
. Concerto de Je Veux Vivre (18 de novembro)
. “Constante”, adaptación de Calderón de la Barca (19 de novembro)
. “Ay, Carmela” (25 de novembro)
. “Hamelin”, adaptación de Redrum Teatro ao galego do texto de Juan Mayorga (1 de decembro)
. Concerto da Real Filharmonía de Galicia (15 de decembro)
. Chicago Mass Choir: A spiritual celebration to B.B. King (20 de decembro)
. Concerto de Nadal da European Sinfónica Orquesta (22 de decembro)

Artigos relacionados

Back to top button