En portadaÚltima hora

Verín rescata a memoria do seu tranvía coincidindo co seu 110 aniversario

A Biblioteca de Verín promove en abril unha exposición e unha conferencia para lembrar este singular tranvía, un dos primeiros implantados en Galicia
Imaxe da presentación da exposición e da conferencia sobre o tranvía de Verín, na Bilbioteca./ Foto: Concello de Verín.

Era de tracción animal e comunicaba Verín co Balneario de Cabreiroá nas primeiras décadas do século XX. Cando se cumpren 110 anos da posta en marcha do seu singular tranvía, Verín recupera a súa historia a través dunha serie de actos culturais que organizará a Biblioteca Municipal. Trátase da mostra co título “110 Anos do Tranvía de Verín: Exposición conmemorativa” e da conferencia “Un tranvía que fixo historia”.

Esta proposta dábase a coñecer nunha rolda de prensa convocaba na propia biblioteca na mañá do 11 de abril e na que participaban o alcalde de Verín, Gerardo Seoane; o tenente de alcalde e voceiro do grupo de goberno, Diego Lourenzo; a concelleira de Cultura, Emilia Somoza; o secretario da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), Miguel Losada e Paco Boluda, presidente da Asociación Carrileiros.

Diego Lourenzo resaltaba na súa intervención que “os verineses temos inserido no ideario colectivo a imaxe deste tranvía de tracción animal, que foi inaugurado no ano 1908 pola compañía Auga de Cabreiroá. Desde o grupo de goberno decidimos celebrar estes dous actos conmemorativos para por en valor, e evitar que non se esqueza esta parte tan relevante da nosa historia colectiva”.

Pola súa banda, Miguel Losada agradecía á corporación municipal o seu interese por mellorar Verín, “por mirar o pasado para tratar de mellorar o futuro da vila” e o gran traballo de investigación da Asociación Carrileiros, sen o que non sería posible realizar estos actos conmemorativos. Por último, Paco Boluda salientou a relevancia que tivo o tranvía de Verín, no que a historia industrial se refire, xa que foi dos primeiros que se implantaron en Galicia, e único en moitas das súas características. “A exposición e a conferencia fan un percorrido pola historia deste tranvía pero, por encima disto, fano pola historia da modernidade de Verín. O que buscamos con esta iniciativa é concienciar a xente da importancia que tivo este medio de transporte e, tamén incentivar que, co tempo, volva a ser unha realidade que Verín volva a ver circular o seu tranvía”.

Na exposición, que abrirá as súas portas o 24 de Abril, ás 19:30 horas, os autores da investigación Francisco Boluda e Manuel Hernández (membros da Asociación Carrileiros) farán un percorrido pola historia deste medio de transporte. Estará composta por distintos paneis deseñados por Paco Boluda e poderá visitarse ata o 18 de maio.

Así mesmo, a conferencia que leva por título “Un tranvía que fixo historia”, será impartida o 27 de abril, ás 19:30 horas, por Paco Boluda, no Auditorio. Os asistentes o evento terán ocasión de compartir (por medio da proxección de fotografías, planos orixinais e súa exposición oral) unha viaxe á memoria de Verín nos anos de apoxeo da actividade balnearia nesta comarca ourensá. Os autores ofrecerán a oportunidade de coñecer a fondo a historia e características da liña, a súa infraestrutura, as dependencias para o mantemento do tranvía e do tiro, ou os distintos tipos de vehículos utilizados para o transporte de viaxeiros e mercadorías.

Estas dúas actividades serán promovidas pola Biblioteca Municipal do Concello de Verín conxuntamente coa SAGA (Sociedade Antropolóxica Galega) e a Asociación Carrileiros de Ourense.

 

Cartel desta actividade temática.

Artigos relacionados

Back to top button