DeportesÚltima hora

A VI andaina “Viño de Monterrei” mestura ocio, deporte e familia

Este evento deportivo, cun percorrido de 19 quilómetros, levarase a cabo o vindeiro sábado 7 de outubro
Manuel Gallego, Manuel Alfonso, Rosendo Fernández, José Luís Suárez e Marcos Meno.

O Concello de Monterrei ultima os preparativos para acoller a cuarta edición da andaina “Viño de Monterrei” que terá lugar o vindeiro sábado, 7 de outubro, na que os participantes poderán coñecer a riqueza patrimonial deste municipio ourensán durante os 19 quilómetros de percorrido da andaina.

A presentación desta iniciativa deportiva tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Monterrei, José Luís Suárez; o responsable de Deportes do Concello de Monterrei, Marcos Meno; o representante da Cooperativa Xeitura, Manuel Gallego; e o responsable de Protección Civil de Verín, Manuel Alfonso.

Segundo dixo o vicepresidente da Deputación na presentación de hoxe, 4 de outubro, Rosendo Fernández, este evento “pon en valor a riqueza patrimonial, natural e cultural do municipio” tamén engadiu que “ademais contribúe a promover o seu produto estrela, o viño, a través de iniciativas que aglutinan deporte, saúde e natureza para dinamizar o noso territorio”.

Pola súa parte, o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez, dixo que esta iniciativa deportiva responde a tres obxectivos: promover a práctica deportiva dándolle un carácter máis familiar coa actividade infantil, revitalizar o noso municipio a través dun elemento tan importante para nós como é o viño, e dar a coñecer o abundante patrimonio histórico, paisaxístico e cultural do municipio.

A proba, de dificultade media, comezará ás 10:00 horas na Alameda do Concello de Monterrei e rematará no mesmo punto. Ao longo do percorrido haberá dous puntos de avituallamento e ao remate da proba, as adegas da localidade ofrecerán unha degustación dos seus produtos aos participantes e realizarán sorteos de varios lotes de viño xunto con outros regalos.

Como novidade, este ano a andaina ofrece actividades infantís “para fomentar a participación dos cativos, con propostas deportivas aptas para nenos e para os pais para que as poidan realizar xuntos”, explicou o representante da cooperativa Xeitura, Manuel Gallego, quen sinalou que o percorrido da andaina “consolídase porque cremos que aglutina os tres recursos patrimoniais de maior interese de Monterrei: o Castelo, o río e a Igrexa Prerrománica”.

En canto a seguridade do evento, o responsable de Protección Civil de Verín, Manuel Alfonso, asegurou que estarán a “traballar ese día catorce voluntarios distribuídos en diferentes puntos do percorrido para velar pola seguridade da proba”.

Os interesados en participar poderán anotarse ata mañá, 5 de outubro, por un custo de 5 euros por persoa, no Concello de Monterrei, na tenda Multisport de Verín ou na tenda Deportes Redonet de Ourense, sendo o número máximo de participantes de 300 persoas. “Aínda que tamén poderán anotarse ata o mesmo día da proba”, puntualizou Marcos Meno.

Outra das novidades deste evento deportivo é ofrecer aos asistentes, a posibilidade de colaborar co Banco de Alimentos de Ourense, achegando ese día alimentos non perecedoiros e alimentos para colectivos de infancia e xuventude.

 

Artigos relacionados

Back to top button