As proxecto en marcha no Castelo de Monterrei constitúe “unha das obras de restauración máis ambiciosas emprendidas pola Xunta nestes momentos, cun orzamento de máis de 14 millóns de euros e unha superficie comprometida de máis de 20.000m2 e que segundo as estimacións, estará rematada o vindeiro ano”.
Así o aseguraba o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante visita que realizaba na tarde deste xoves 13 de marzo para comprobar o desenvolvemento das distintas actuacións, destacou a importancia da obra para “dinamizar toda unha comarca” e poñer en valor “esta xoia arquitectónica”, reivindicando o seu papel como polo de atracción turístico e cultural.
As intervencións inclúen a recuperación dos edificios do Cuartel de infantería, o antigo Concello e o Colexio de San Xoán, así como actuacións adicionais na Praza do Mercado e na de Armas para mellorar a capacidade de aloxamento. Ademais, estanse levando a cabo actuacións adicionais para reforzar o saneamento, abastecemento, capacidade eléctrica e telecomunicacións da contorna.
Á visita acudía tamén o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, quen puxo en valor o “compromiso do Goberno co sector turístico ourensán e coa vila de Monterrei, que con esta rehabilitación da súa fortaleza reforza o seu papel como unha das grandes referencias culturais de toda a provincia”.

A intervención no Castelo de Monterrei enmárcase nunha actuación financiada pola Unión Europea a través dos Fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation “que o Goberno transfire á Xunta de Galicia para executar os traballos”, explica o subdelegado trasladando a súa sorpresa “polo feito de que o delegado do Goberno, Pedro Blanco, no fose invitado por parte da Xunta, malia que o 100% do presuposto das obras corren ao cargo dos fondos do Goberno de España”.
O presidente da Deputación de Ourense Luis Menor pola sua banda, recalcou que o investimento “culminará coa creación dun gran polo de atracción nos ámbitos turístico e cultural que se multiplicará grazas á cercanía da estación AVE da Gudiña, lembrando a proximidade da Fortaleza coa Vía da Prata”.
Luis Menor lembrou tamén a liña de colaboración que ten activa a Deputación para o mantemento desta infraestrutura, destacando que cada administración e de distinto modo, pero cun fin único, traballan conxuntamente para promover o turismo cultural, incentivar o coñecemento do patrimonio cultural e histórico galego e contribuír ao desenvolvemento económico da comarca. “Con esta liña de colaboración contribuímos ao bo estado dun símbolo da comarca, da provincia e de toda Galicia”, proclamou, avanzando neste senso que “a posta en valor dos recursos do territorio “é unha das estratexias que guían a nosa acción de goberno e así continuará a ser, sempre da man da cooperación institucional, para crear riqueza e emprego na nosa provincia”.