ConcellosLaroucoÚltima horaViana do Bolo

Viana aposta polo teatro no seu campo de voluntariado e Larouco pola arqueoloxía e o medio ambiente

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe os participantes nestas actividades que forman parte da campaña de verán do Executivo autonómico

Cristina Pichel, xunto aos participantes no campo de voluntariado de Viana do Bolo.

 

Viana do Bolo e Larouco acollen neste verán dous campos de voluntariado cos que se pretende contribuír a recuperar o patrimonio, así como a dinamizar a actividade turística e cultural. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitaba hoxe os participantes nestas actividades, que forman parte da campaña de verán da Xunta.

O campo de Viana do Bolo é de temática teatral e nel danse cita desde o martes da semana pasada ata este sábado doce mozos procedentes de Galicia, doutras comunidades e do estranxeiro —concretamente de Madrid, Zaragoza, Barcelona, Valencia, León, As Palmas, México, Francia e Italia—. O obxectivo desta proposta é poñer en valor a historia do concello e axudar á dinamización turística e cultural do municipio a través da dramatización da historia.

Os participantes neste campo levan a cabo performance en vivo e de rúa en lugares emblemáticos como son a Torre da Homenaxe e a praza e os xardíns de Cabo da Vila; e tamén acondicionan e divulgan diferentes rutas do municipio. O programa de actividades complétase con rutas en bicicleta de montaña, visitas ao Parque Natural do Invernadoiro e xornadas de tarde na piscina e na praia fluvial de Vilariño de Conso.

 

Participantes no campo de voluntariado de Larouco, no Castrillón./ Foto: Xeitura.

 

Medio ambiente e arqueoloxía

No campo de voluntariado de Larouco conviven durante dez días 13 persoas chegadas de diferentes puntos de Galicia, doutras zonas de España —Madrid, Cidade Real, Biscaia e Zaragoza—, de México e da República Checa. A temática desta proposta é medioambiental e arqueolóxica, e a actividade principal localízase na contorna do xacemento arqueolóxico do Castrillón.

Ademais destas tarefas, os voluntarios tamén desfrutan de rutas de sendeirismo; fan visitas culturais ao santuario das Ermitas, á Torre do Bolo, ás covas de Seadur, ao Parque Natural Serra Enciña da Lastra ou ás Médulas; e pasean en catamarán polo canón do río Sil.

Ampla oferta de actividades na provincia

A Xunta organiza este verán un total de once campos de voluntariado na provincia de Ourense, que suman máis de 165 prazas. Estes celébranse nos concellos de Larouco, Celanova, Viana do Bolo, Monterrei, O Pereiro de Aguiar, Vilar de Santos e Allariz, Bande, Esgos, Muíños, Vilariño de Conso e A Veiga.

A estes campos, hai que engadir os campamentos, os minicampamentos ‘Coñece Galicia’ e outras actividades que a Xunta organiza na provincia ourensán ao abeiro da campaña de verán deste ano, e que supoñen máis de 1.500 prazas para que os nenos desfruten das súas vacacións e as familias poidan conciliar.

Artigos relacionados

Back to top button