OurenseÚltima hora

Viaxes en tren para promocionar o termalismo en Ourense

Caldaria Termal, Gran Balneario do Carballiño e Balneario de Molgas participan no programa
O presidente da Deputación, Manuel Baltar e o director xeral de Renfe Viajeros, S. A., Alberto García Álvarez./Foto: Alberte Paz
O presidente da Deputación, Manuel Baltar e o director xeral de Renfe Viajeros, S. A., Alberto García Álvarez./Foto: Alberte Paz
Asistentes á firma do convenio entre Renfe e a Deputación de Ourense./ Foto: Alberte Paz
Asistentes á firma do convenio entre Renfe e a Deputación de Ourense./ Foto: Alberte Paz

Entre os meses de agosto e novembro de 2014, poranse a disposición dos viaxeiros, máis de 500 prazas asociadas a estancias balnearias de 6 días que integrarán tarifas especiais nos trens procedentes de Madrid e A Coruña que teñen como destino a provincia de Ourense.

A iniciativa era presentada na mañá do 5 de agosto, trala sinatura dun convenio de colaboración entre Renfe e o goberno provincial para promocionar o termalismo coa oferta de “viaxes termais”, por parte do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o director xeral de Renfe Viajeros, S. A., Alberto García Álvarez.

Ademais de Renfe e Deputación, no programa participan os establecementos balnearios: Caldaria Termal, Gran Balneario do Carballiño e Balneario de Molgas.

Así pois, o ente provincial e os balnearios encargaranse do traslado dos viaxeiros dende a estación Ourense Empalme ata os establecementos balnearios. Este acordo froito da cooperación institucional en favor da promoción do termalismo permitirá, en opinión de Manuel Baltar, “potenciar a marca de Ourense como provincia termal, exaltar e valorizar a riqueza termal que temos, e favorecer un sector económico e turístico estratéxico para a nosa provincia, no que estamos a traballar por medio do Plan Termal”.

Segundo a iniciativa, “Renfe Viajeros” incorporará aos participantes do programa de “Termalismo Saludable y Cultura Termal” un billete de ida e volta cunha tarifa especial chamada “Ourense Termal”. En base a este convenio, Renfe reservará todas as semanas 50 prazas en clase turista nos trens Alvia Madria-Ourense-Madrid e outras 50 prazas no tren A Coruña-Ourense-A Coruña, coas súas estacións intermedias, entre os meses de agosto e novembro.

O Programa Termalismo Saudable e Cultura Termal na súa modalidade de estancias balnearias de 6 días/5noites inclúe: pensión completa, 10 tratamentos termais, 2 rutas culturais, o billete de tren e o traslado dende a estación de Ourense ao Balneario. Pódese solicitar on-line a través da web www.trenbalnearios.com

O acordo contempla ademais que Renfe emitirá nos trens que se indiquen o vídeo “Ourense, provincia termal” e porá a disposición dos viaxeiros folletos divulgativos do Programa Termal.

Pola súa banda, a Deputación de Ourense comprométese a promocionar e publicitar os servizos de Renfe Viajeros como medio de transporte na actividade “Termalismo Saludable y Cultura Termal”, e informará aos interesados das especiais condicións ofertadas por Renfe para o dito programa.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button