Non é barquense de nacemento pero si por decisión propia e por suposto de adopción. Victorino Berzosa Aparicio popularmente coñecido como “Viti”, naceu na localidade palentina de Barrios de la Vega hai 95 anos e descubría O Barco de Valdeorras nunha parada casual durante unha viaxe coa súa dona, Marisa (natural de Liñarán, Sober). Encantoulles o lugar e decidían instalarse nel, pedindo o traslado das súas prazas de profesores en Barcelona. Nunca se arrepentiron da decisión formando dende entón parte da actividade social, cultural e mesmo deportiva da vila.
Licenciado en Filosofía e Letras “Viti” deu clases durante anos no IES Lauro Olmo (a súa muller dábaas de arte no IES Martaguisela) e trala súa xubilación como docente chegou a colaborar con Cruz Vermella dando clases clases para maiores. Formou parte do Orfeón Valdeorrés e tivo un importante papel na creación do grupo de teatro afeccionado Don Gaiferos.
Gran orador e amante da poesía, sempre tivo unha forte vinculación co río Sil no que sen importar a temperatura mergullábase case a diario e, ao longo de todo o ano. “Gústame o río e vaime ben fisicamente, o corpo agradéceo, sentes un benestar. Mesmo acostumo ir ao río cando teño un pouco de gripe e non acabo de curala, o río arránxamo. Estoulle moi agradecido”, ten asegurado ao Periódico O SIL do que foi colaborador.
Tamén é coñecida a súa faceta de atleta, sendo un dos veteranos máis queridos da vila do Barco, que non deixou ata que falecía a súa muller, en decembro de 2016. Nese momento “Viti” marchaba para Barcelona xunto ao seu fillo aínda que non deixa de pasar días de descanso na vila natal de Marisa.
Aí está neste mes de xullo e de aí chegaba acompañado polo seu coidador, para asistir ao xantar-homenaxe que lle adicaban no mediodía deste xoves día 11 na Casa Lameiro. Foi algo improvisado, coordinado a través de WhatsApp, pero á convocatoria non faltaron vellos amigos vencellados a “Viti” de diferentes ámbitos, tanto deportivo (estaba o presidente do Adas), como docente (con varios profesores), teatral (con afeccionados ao teatro) e por suposto musical con varios membros do Orfeón Valdeorrés, incluído o director. Tamén estaban o alcalde e o tenente de alcalde do Barco.
Tras un pequeno paseo polas rúas da vila “Viti” chegaba ao restaurante e comezaba a saudar aos asistentes, visiblemente emocionado dando as “grazas por este recibimento, inmerecido”, asegurando estar moi contento de estar no Barco e velos a todos.
Fotos e vídeos: O SIL.






