Entre a devoción e a diversión se move a programación de Nadal no concello de Rubiá, centrada nos cultos e o belén artesán pero tamén nas actividades para os máis pequenos.
No primeiro apartado, hoxe 24 de decembro ás 18 horas celebrarase a Misa do Galo e mañá día 25 ás 12:30 horas a de Nadal, que incluirá unha representación por parte dos nenos da parroquia. Ese día será tamén cando abra ao público o Belén de Rubiá, un nacemento de estilo hebreo instalado na casa parroquial que poderá visitarse ata a primeira semana do mes de febreiro de 2023.
Trátase dun nacemento artesán e bíblico no que se recrea dunha forma plástica e visible o nacemento de Xesús “intentando que sexa o máis fidedigno posible”, puntualiza Mª Carmen Núñez dende a Asociación de Belenistas cuxo obxectivo é que o visitante, dalgún xeito, se adentre na época de Xesús e que a contemplación do belén lle transmita a sensación de ser transportado a aquel momento histórico.
De gran extensión, coas catro fases de luz que o caracterizan e un gran realismo, as escenas bíblicas ubicadas en diferentes zonas xeográficas, enriquecidas con edificacións e gran variedade de oficios propios da época, paisaxe e multitude de elementos ornamentais, configuran un marco ideal para vivir con ilusión e intensidade o misterio do Nadal. Un traballo feito con moito detalle, delicadeza, arte e ilusión que cada ano inclúe pezas e escenas novas. “As principais xa están todas pero este ano apetecíanos incluír o ‘Diorama dos desposorios’, unha escena menos coñecida pero moi bonita”, conta a belenista, adiantando que tamén puxeron varios movementos novos, co cal o nacemento sempre conta con algún atractivo máis.
A programación relixiosa na parroquia complétase coa Misa de Aninovo o 1 de xaneiro ás 12:30 horas e a de Reis o día 6 tamén ás 12:30 horas. E con respecto ao apartado lúdico, os nenos son sempre os grandes protagonistas e para eles serán as colchonetas e inchábeis que o Concello instala no pavillón de deportes; e tamén a recepción das Súas Maxestades os Reis Magos, coma sempre o día 5 de xaneiro.
Neste vídeo co que a Parroquia de Santa Mariña felicita o Nadal e que conta con dúas panxoliñas do cantautor valdeorrés Anxo Rei, faise un completo percorrido polo fermoso nacemento que poderá visitarse todos os días de 17 a 20 horas dende mañá ata o 6 de xaneiro; e os sábados e domingos no mesmo horario dende o 7 de xaneiro ata o 2 de febreiro.
Víedo cedido.