
En Quiroga está xa todo case a punto para a VII edición da Concentración Mototurística A Curuxa que terá lugar do 26 ao 28 de agosto. Tralo parón do 2020 e 2021 pola pandemia, neste 2022 son moitas as ganas de festa e dende o Moto Club A Curuxa porá todo da súa parte para que non falte.
Con respecto á programación desta edición, arrancará o venres ás 17:30 horas coa apertura de inscricións e rematará o domingo traslo xantar e entrega de premios e sorteos, incluíndo actividades infantís; un dobre Stunt Show Narcís Roca vs Emilio Zamora; e moita música (Soul and Roll, O Recanto, Gin Toni’s,…); pinchadas; sorteos,…
Con todo, un dos puntos fortes da fin de semana serán as rutas que percorrerán o Xeoparque Montañas do Courel con visita aos xeomiradores de Ribas de Sil, entre outras zonas. O pregón correrá a cargo de Sergio Delpont (En Xogo, TVG).