Cun desfile de folións comezaba o Entroido en Vilamartín de Valdeorras. Da man da Asociación Folión Os Viticultores (coa colaboracion das Asociacións de Coveiros de Vilamartín e Arcos), a xuntanza tiña lugar no barrio da Rodeleira o sábado 11 de febreiro. En torno ás seis e media da tarde comezaba a festa, cos membros dos Viticultores recibindo aos convidados en forma de verso. Despois un baile de zumba e arrancaba o desfile.
Abrindo a comitiva os anfitrións, despois o Folión do Tameirón e a A.C. Folión de Carracedo da Serra (ámbolos dous do concello da Gudiña) e por último o Fulión de Sobrado (A Pobra de Trives). O percorrido levaba aos asistentes por boa parte do pobo, pasando pola zona das covas e rematando na praza Luís Núñez.
A seguinte cita para os folións será o vindeiro sábado, 18 de febreiro ás 19:30 horas en Arcos, con saída na Calzada e desfile polo pobo finalizando na zona das Covas.
Fotos: Mónica G. Bellver.