DeportesFútbolÚltima horaVídeos

Vilamartín de Valdeorras acollerá en xullo o I Campus de Fútbol Feminino

Está dirixido a xogadoras de entre 6 e 18 anos e desenvolverase do 3 ao 8 no Bañadoiro

Raisa Méndez, Isabel Vázquez e Laura López, tres das adestradoras do campus./ Foto cedida.

 

Din que ninguén é profeta na súa terra e dende logo non foi doado, pero tras anos adestrando e organizando torneos e campamentos noutros puntos de Galicia, a deportista barquense Isabel Vázquez (xogadora de fútbol sala e fútbol, graduada en INEF cos niveis I e II de adestradora) logrou por fin un campamento de fútbol feminino para Valdeorras.

Da man do CD Barco e Ocio y Deportes Valdeorras, e coa colaboración do Concello de Vilamartín, O Bañadoiro acollerá do 3 ao 8 de xullo o I Campus de Fútbol Feminino 2022. Dirixido a xogadoras de entre 6 e 18 anos de toda Galicia (haberá transporte en bus de ida e volta dende A Coruña, Lugo, Ponferrada, O Barco e Vilamartín) estará coordinado pola propia Isabel e tamén por Iván Guntiñas, contando ademais cun equipo de adestradores/as titulados e monitores de ocio e tempo libre entre as que figuran Raisa Méndez Osorio e
Laura López Peñarroya, ambas xogadoras do Victoria CF (FemA) e adestradoras do alevín feminino do Victoria.

 

 

Como campus de fútbol que é o balompé centrará o programa, pero tal como explica Isabel, a proposta inclúe un completo calendario de actividades vencelladas ao tempo de lecer e en torno á educación non formal. “Pretendemos integrar moitos aspectos ao longo da semana que dure o campus e ofrecemos dúas modalidades: pernocta (pensión completa + aloxamento + actividades) e sen pernocta (xantar, merenda e cea + actividades)”, adianta Isabel.

Así, no apartado deportivo haberá adestramento técnico-táctico, adestramento específico de porteiras e valoración técnica, ademais de competiciós individuais e colectivas, ligas internas e práctica doutras disciplinas (tenis, pádel, fútbol sala, bádminton, tenis de mesa, vóley, rugby,…). Pero o campus vai moito máis aló cun amplo abano de actividades de tempo libre (veladas, carreiras con obstáculos, descenso en kaiak polo río Sil, sendeirismo, karaoke, bingo, concurso de TikTok e mesmo discoteca. Como novidade, tamén haberá actividades alternativas (túnel do terror, escape room, pistolas láser,…) e unha excursión lúdico-cultural á Veiga.

 

 

Destacable é tamén o apartado formativo que inclúe o campus, con obradoiros de traballo (worshops) sobre nutrición, primeiros auxilios, rendemento deportivo, psicoloxía deportiva, habilidades comunicativas,… e tamén a visita de deportistas de primeiro nivel que de seguro sorprenderán ás asistentes.

Trátase dun campus moi completo “e unha oportunidade única para as nenas”, puntualiza Isabel, lembrando que as prazas están limitadas a 45 e xa teñen máis de 30 inscritas da catro provincias galegas, animando á xuventude da comarca. O límite para anotarse é o 24 deste mes.

A nivel profesional este proxecto supón unha oportunidade, pero a nivel persoal “é moi satisfactorio porque non hai moitos deste tipo en Galicia e o feito de poder realizalo en casa aínda me enorgullece máis porque temos un territorio espectacular para poder levalo a cabo, cunha instalacións marabillosas aínda que pouco aproveitadas”, destaca Isabel Vázquez, adiantando que o campus nace coa intención de crear nome e ter continuidade.

 

Artigos relacionados

Back to top button