En portadaÚltima hora

Vilanova (Trives) celebrará esta fin de semana a Festa do Chourizo

A cita será o sábado 1 de febreiro pola tarde con fogueiras e baile amenizado pola orquestra Chastton Show

Unha das fogueiras da pasada edición da festa./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Como cada inicio do mes de febreiro, en Vilanova (A Pobra de Trives) celebran esta fin de semana tres importantes citas: a Festa da Virxe das Candeas, o San Brais, e a Festa do Chourizo.

A programación comezará o sábado 1 de febreiro ás 9 da mañá coa andaina organizada polo Club Montaña Trives, con saída dende a praza do Pilón na Pobra de Trives. Dende aí os participantes iniciarán un traxecto que cubrirá unha distancia duns 14 km pasando por Cabalar, Sobrado, Castro e Vilanova, aínda que o percorrido poderá modificarse en función do estado dos camiños. Ten unha dificultade moderada e ao remate haberá unha gran chourizada.

Ese mesmo día ás 13h. terá lugar a procesión e posterior misa na honra á Virxe das Candeas e xa entre as 17 e as 17:30h. comezarán a prepararse as fogueiras no souto, entre os castiñeiros, nas que asar os chourizos ao espeto que dan nome a unha festa gastronómica con anos de historia. Grupos de amigos e familiares, danse cita para pasar unha tarde-noite ao calor do lume, degustando un dos produtos estrela da mantanza e quentando o corpo cun bo viño e licores caseiros. O apartado musical, a partires das oito e media da tarde, correrá por conta da orquestra Chastton Show.

O domingo, tocaralle o turno a San Brais. Unha alborada a cargo da charanga Nova Terra de Trives espertará aos veciños que terán procesión e misa ás 13h. Á saída, a mesma charanga fará a sesión vermout.

Artigos relacionados

Back to top button