En portadaÚltima hora

Vilariño de Conso acollerá o seminario “Desenvolvemento rural e espazos naturais” en xuño

Celebrarase entre os días 8 e 10 de xuño e reunirá a unha decena de expertos, algúns de universidades de Portugal, Italia e Francia
Imaxe do Val de Cerveira, en Vilariño de Conso, unha das zonas ás que se realizará unha saída no marco das xornadas./ Foto: Carlos G. Hervella.

As alternativas de futuro nos espazos rurais de montaña analizaranse no marco do seminario “Desenvolvemento Rural e Espazos Naturais”, que se celebrará en Vilariño de Conso entre os días 8 e 10 de xuño. Reunirá a unha decena de expertos, algúns dos cales virán de universidades de Portugal, Italia ou Francia.

“Un foro como o que se propón debe beneficiarse da experiencia xa acumulada noutros lugares similares de Europa, nos que se está falando destas cuestións dende hai décadas e nos que existen xa casos de “boas prácticas” que nos poden permitir contar cun certo balance de partida. De aí que se convide a participar no seminario a expertos de fóra de Galicia para que acheguen o que aconteceu, o que se fixo en territorios de características similares: gran valor natural e paisaxístico, baixas densidades demográficas e de actividades económicas, avellentamento demográfico, intentos de desenvolver unha economía turística…”, segundo a organización do encontro, en mans da Fundación Juana da Vega en colaboración co Concello de Vilariño de Conso e coa Universidade de Santiago de Compostela.

As xornadas terán dous grandes bloques temáticos: a posta en valor do patrimonio natural, cultural e paisaxístico destas zonas ourensás e a avaliación das iniciativas turísticas e doutro tipo de actividades económicas. Este seminario presentábase na mañá do 28 de maio no Pazo Provincial, en Ourense, nun acto que contaba coa presenza do director da Fundación “Juana de Vega”, José Manuel Andrade; o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía; e o coordinador do seminario, Valeriá Paül.

O seminario encetarase ás 10h. do 8 de xuño coa conferencia “Desenvolvemento rural e espazos protexidos: ¿un oxímoro?”, de Valerià Paül, coordinador deste foro xunto a Martín Agrelo. A continuación virá a ponencia “A biodiversidade das montañas ibéricas: ¿cuestión de natureza ou cuestión de cultura?” da man de Josep María Panadera (Instituto de Estudos Cataláns), seguida dun debate. A partires das 15:30h. realizarase unha actividade de campo, de 5 horas de duración polo Val da Cerveira.

 

Imaxe da presentación do seminario en Ourense. De esquerda á dereita, o director da Fundación “Juana de Vega”, José Manuel Andrade; o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía; e o coordinador do seminario, Valeriá Paül.

 

No sábado 9 de xuño a mañá estará dedicada a ponentes internacionais coas intervencións de Johan Milian da Universidade de París 8, Ana Firmino da Universidade Nova de Lisboa e de Giacomo Zanolin, que abordarán experiencias de desenvolvemento noutras zonas europeas. Pola tarde farase un debate sobre as conferencias e unha visita a explotacións agropecuarias e silvícolas da zona de Vilariño de Conso.

Na mañá do domingo 10 de xuño haberá ponencias de diversos expertos galegos sobre silvicultura e o futuro do monte (da man de Gaspar Bernández), sobre o papel do turismo no espazo rural (Noelia Araújo), sobre o turismo na Serra de Queixa, O Invernadeiro e San Mamede (Manuel Rodríguez); e, pola tarde, falarase sobre demografía, economía e ordenación do territorio (Rubén C. Lois) e sobre a diversidade paisaxística da Serra de Queixa, O Invernadeiro e San Mamede (Augusto Pérez Alberti).

O curso está dirixido a todas as persoas interesadas na materia, o que inclúe tanto a poboación local –os empadroados en Vilariño de Conso teñen a matrícula de balde– como o público especializado en disciplinas como Xeografía, Ordenación do Territorio, Historia, Historia da arte, Urbanismo, Arquitectura, Arquitectura da Paisaxe, Enxeñería agrónoma e Forestal ou Humanidades. O formulario de inscrición pode completarse na páxina web da Fundación, www.juanadevega.org.

Artigos relacionados

Back to top button