PolíticaÚltima hora

Villarino (PSOE) impulsará un candidato socialista á Deputación

O precandidato á secretaría provincial do PSdeG-PSOE ourensán busca un Goberno provincial alternativo
Rafael Rodríguez Villarino.

O precandidato á secretaria provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, propón impulsar a elección dun candidato socialista á presidencia da Deputación, “que permitirá facer fronte ao rolete caciquil que actualmente está a afogar a provincia e que logrará devolver á militancia e aos votantes a ilusión dun futuro esperanzador”.

A proposta para recuperar a “ilusión” na provincia, asegurou, tamén inclúe a constitución dun Goberno Provincial Alternativo “que identificará os problemas reais da nosa terra” e tamén analizará e difundirá as respostas ofrecidas pola deputación actual e ofrecerá -vía grupos parlamentarios, grupo provincial e agrupacións locais e medios de comunicación- solucións axeitadas centradas” nun novo modelo de atención ás persoas de todas as vilas e aldeas de Ourense”. A proposta de Rodríguez Villarino tamén pasa por “salientar a importancia dos concellos como o ansiado plan único provincial para estas entidades, adicando, polo menos, un 40 por cento do orzamento da Deputación á inversión nos municipios mediante un reparto de fondos públicos baseado en criterios preestablecidos de forma obxectiva e equitativa”.

O precandidato explica que “para levar a cabo a necesaria implantación do PSdeG no cen por cen dos concellos debemos asentarnos sobre sólidas raíces en lugar de realizarse de xeito precipitado”.

Por outra banda, reiterou que nos lugares onde o PSdeG-PSOE ten presenza “debemos de traballar para conseguila, así como tender pontes e buscar sinerxías con alternativas veciñais ou, incluso, colaborar con outras opcións de esquerda, xa que o obxectivo prioritario é a edificación dunha Deputación Provincial ao servizo da cidadanía, substituíndo á estrutura clientelar na que se cimenta actualmente”, destacou Rodríguez Villarino.

O candidato ás primarias defende “impulsar un candidato que faga fronte ao caciquismo e un goberno provincial que, de verdade, analice e propoña solucións ás necesidades reais da xente e os municipios son a mellor forma de traballar neste camiño que nos permitirá rescatar a ilusión na provincia”, asegurou.

Finalmente, a candidatura de Rafael Rodríguez Villarino propón “un partido unido para poder artellar un proxecto sólido en toda a provincia. Un proxecto asentado e renovado que poida ser unha alternativa real ao Partido Popular” para acadar así a presidencia da Deputación.

Artigos relacionados

Back to top button