Cunha visita ás instalacións da Escola de Hostalería Belarmino Fernández Iglesias de Rosende (Sober) iniciábase no mediodía do 25 de marzo a “Xornada de Maridaxe de Viño de Amandi con Pescada do Pincho de Celeiro”. De seguido, facíase unha presentación no centro do produto Pescada do Pincho de Celeiro, a cargo de varios membros da confraría de Pescadores de Celeiro.
E xa ás 13:30h. horas profesores e alumnos tomaban parte na elaboración dunha serie de pratos que tiñan como ingredientes principais a devandita pescada e o viño de Amandi. Despois realizábase unha degustación dos pratos elaborados e maridados con viño desta zona da D.O. Ribeira Sacra.
O menú desta degustación incluía “Taco de pescada de Celeiro en salsa verde”, “Pastel de pescada de Celeiro con maionesa de piparras e aire de encurtidos”, “Pescada de Celeiro ao pil-pil de lima e cinsa de lura”,”Pescada de Celeiro con emulsión de allada galega e caviar de pementos”,”Pescada de Celeiro con chícharos e xamón” e “Salpicón de pescada de Celeiro, manga e xermolos tenros”.
Esta actividade formaba parte dos “Actos do Mes de Amandi” e foi promovida polo Concello de Sober en colaboración coa Escola de Hostalería da Fundación Belarmino Fernández, Puerto de Celeiro S.A. e a Confraría de Pescadores de Celeiro.