EconomíaEconomíaÚltima hora

Visita a Valdeorras do presidente do Colexio de Arquitectura Técnica de Ourense

Reuníase con profesionais deste sector para abordar novidades en materia lexislativa e de axudas

Imaxe cedida.

 

Ata Valdeorras desprazábase o presidente do Colexio Oficial da Arquitectura Técnica de Ourense, Darío López Fernández para manter un encontro no Barco cos profesionais da zona de Valdeorras, co fin de abordar diferentes temas que afectan directamente á profesión e as últimas novidades no sector.

Entre os asistente á xuntanza estaban arquitectos técnicos Fernando Vázquez Uría, Antonio Álvarez Campos, Fernando Rodríguez Yebra, Jose Luís Gamarra Mondelo, Aurentino Alonso Araujo, Anxo Rodríguez Iglesias, Luís Álvarez González, quen informou das súas necesidades e inquietudes na zona.

Especial atención mereceu a información achegada polo presidente en materia da inminente lexislación sobre axudas en materia de rehabilitación enerxética para a edificación residencial ao amparo dos fondos Next Generation. Tamén se informaba da necesidade de trasladar aos administradores de fincas e comunidades de propietarios as importantes axudas que alcanzan o 80% do investimento das obras propostas e coa novidade de que tamén se subvenciona o documento técnico denominado Libro do Edificio Existente para edificios construídos con anterioridade ao ano 2000, que supoñerá o prospecto ou manual de instrucións dos edificios ou vivendas.

Ao fío deste tema, o presidente daba conta do recente convenio asinado a nivel autonómico entre o Consello Galego de Colexios da Arquitectura Técnica de Galicia co Colexio de Administradores de Fincas de Galicia o pasado mes de novembro, o que motivará un transvasamento de información entre os dous colectivos coa finalidade de que se chegue ao maior número de interesados en dispoñer destas axudas para mellorar a calidade de vida da cidadanía nas vivendas.

Como colofón ao encontro, Darío López, facía entrega dun casco de obra corporativo coa marca “aparellador” e un calendario coas fotografías premiadas no concurso convocado polo Consello Autonómico da profesión.

Artigos relacionados

Back to top button