Por primeira vez as instalacións dunha canteira de Valdeorras se converten en escenario dunha actuación aberta ao público. Da comarca sae boa parte da lousa que cobre as cubertas de puntos moi diferentes do mundo, e Casaio (Carballeda de Valdeorras) é un dos seus centros.

Por iso o programa V NOVE escollía nunha das súas estacións este referente: non nun auditorio nin nunha praza, senón nun espazo de traballo, entre palés de lousa listos para saír e maquinaria de canteira. E o lugar seleccionado eran as instalacións de Pizarras Los Tres Cuñados.

De feito, antes da actuación as persoas asistentes podían facer unha visita guiada a unha das canteiras propiedade de Pizarras Los Tres Cuñados e ver de preto de onde sae esta pedra natural e como se traballa. Tamén se visitaba unha nova nave de elaboración deste material natural para cubertas no que Valdeorras é o epicentro mundial.
Fotos: O SIL.

