Os traballos arqueolóxicos promovidos pola Xunta de Galicia no conxunto monástico de San Xoán de Camba (Castro Caldelas), permitiron descubrir restos deste monumental mosteiro caldelao documentado por fontes escritas dende o século X. Varias estruturas construtivas dos séculos XII-XV foron recuperadas amortizando unha necrópole tardorromana na que foron identificadas ata tres tumbas.
“As sondaxes feitas poderíaan datar tumbas no século III-IV d. C. grazas a abundante numismática descuberta no lugar de antigo”, explica a alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega.
Este sábado 21 de outubro, as persoas interesadas en descubrir in situ o lugar poden achegarse ás 12h ata a igrexa de San Xoán. Este será o punto de partida da visita guiada polo equipo arqueolóxico responsable da actuación. Para participar non fai falta inscrición previa, abonda con achegarse ao lugar á hora fixada.