PolíticaÚltima horaVídeos

Visita institucional de Ana Pontón ao concello da Rúa

A portavoz nacional do BNG destaca a apertura do albergue municipal de peregrinos como "símbolo dun goberno que funciona”

 

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, pasaba boa parte da xornada deste xovez 12 de setembro en Valdeorras. Acompañada polo deputado galego do BNG Secundino Fernández e pola alcaldesa da Rúa María G. Albert, así como por concelleiros nacionalistas do Barco e militantes nacionalistas, reuníase  primeiro co colectivo de nais e pais que, dende hai meses, piden unha solución para a falta de pediatras no Centro de Saúde do Barco.

 

 

De seguido desprazábase ara A Rúa para manter un encontro institucional no Concello e coñecer de primeira man os proxectos que está desenvolvendo o goberno local que lidera María G. Albert, que “xa demostrou en pouco máis dun ano a súa capacidade para poñer en marcha melloras importantes para os veciños e as veciñas”, subliñou. Como exemplo, Pontón referiuse á apertura do albergue de peregrinos, “todo un símbolo dun goberno que funciona” pois, lembrou, foi o anterior goberno liderado polo BNG o que impulsou a súa rehabilitación e logo de catro anos nos que estivo paralizado agora empezou a funcionar para impulsar o potencial turístico da zona e dinamizar a súa economía.

 

 

Ademais de visitar o Concello onde mantiña un encontro con militantes e o equipo de goberno (o socialista Luis F. Gudiña e o independente José Vicente Solarat) que lle trasladarob as súas inquedanzas; e o albergue aberto ao público dende o mes de marzo, Pontón aproveitaba a súa estancia na Rúa para manter encontros co tecido empresarial local visitando dúas empresas instaladas no parque empresarias das Pedreiras: Autoneum, unha das empresas máis importantes do concello, que opera no sector da automoción dende hai case 20 anos con “200 empregos directos e que supón unha demostración de que o rural tamén pode ser un lugar con actividade económica e empresarial punteira”; e Roca, distribuidor oficial de Estrella Galicia, empresa familiar de distribución que conta actualmente con 15 postos.

 

Visita a Autoneum.
Visita a Distribuciones Roca.

A alcaldesa da Rúa, María G. Albert, pola súa banda agradeceu a visita da portavoz destacando a posta en marcha no mercado onte mesmo da primeira vivenda social municipal do concello en réxime de alugueiro, dando resposta a “unha demanda social nun concello que sorprendentemente, malia ter máis de mil inmobles baleiras, non ten case oferta en alugueiro, o que fai difícil o acceso a unha vivenda”, dixo a rexedora nacionalista, asegurando que “é a primeira vivenda municipal, pero haberá máis”, defendendo o labor do Goberno local para dar resposta ás demandas sociais dos veciños e as veciñas da Rúa, demostrando que “hai outra forma de gobernar”.

 

 

Fotos e vídeos: O SIL excepto as dúas últimas da galería que son cedidas.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button