CulturaCulturaÚltima hora

Visita virtual ás pinturas rupestres prehistóricas de Penedo Gordo (Vilardevós)

Esta iniciativa permite ademais facer visible a interesante arte rupestre do interior de Galicia, menos coñecida

Imaxe: PreMedia.

 

De forma virtual, e salvando as dificultades de acceso á súa ubicación, xa poden visitarse as pinturas rupestres esquemáticas prehistóricas situadas en Penedo Gordo (Vilardevós) e Penedo do Gato-Lobarzán (Monterrei), na provincia de Ourense. Tan só hai que entrar na web http://premedia.webs7.uvigo.es/ .

Un equipo multidisciplinar da Universidade de Vigo vén de lanzar unha plataforma en liña que integra múltiples recursos que permiten afondar no coñecemento destes xacementos sen causar impacto humano neles e salvando as dificultades de acceso a eles.

A iniciativa foi realizada no marco do proxecto Inou 2020 PreMedia. Creación dun contorno virtual para a interpretación patrimonial de sitios con pintura rupestre esquemática da comarca de Monterrei, financiada pola Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense e coa colaboración da DXXG.

Esta actuación inclúe dúas liñas de traballo: PreMedia 1, coordinada por Beatriz Comendador, profesora da Facultade de Historia, e PreMedia 2, liderada por Fátima Braña, profesora da Área de Antropoloxía Social e Cultural. O deseño desta plataforma virtual corresponde ao primeiro dos equipos, que segundo explica Beatriz Comendador, tivo como obxectivo “difundir dous enclaves do val do Támega que estudamos dende a UVigo, localizados fóra do ámbito xeográfico tradicionalmente tratado nos estudos sobre a arte rupestre galega, peninsular e europea, mediante visitas virtuais con diversos recursos interpretativos”.

No caso do Penedo Gordo, na plataforma integrouse a información xerada na intervención arqueolóxica de 2018-2019 financiada pola Xunta, mentres que no de Lobarzán, fíxose unha intervención específica de limpeza e documentación e integrouse o levantamento topográfico feito polo Clube de Espeleoloxía A Trapa (Cetra) en 2019.

En conxunto, indica Beatriz Comendador, “optouse por xerar un contorno de accesibilidade en liña multiplataforma que integrase tanto os recursos de carácter interpretativo derivados da propia documentación arqueolóxica dos sitios (fotografías/fotogrametrías tratadas e calcos) que melloran a lexibilidade das pinturas, coma os elementos novos xerados para a visita virtual (fotografías 360º de bóveda completa e voos de drone) que melloran a contextualización dos enclaves”. Ademais, creáronse textos en galego e en castelán coa información dos puntos da visita e outras informacións sobre os depósitos arqueolóxicos asociados, non visibles alí. O traballo de fotogrametría e xeración do contorno virtual foi realizado por Benito Vilas, investigador do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da UVigo (GEAAT).

 

 

Tamén se enriqueceu a plataforma coa incorporación de breves imaxes animadas xeradas expresamente para evocar diferentes momentos temporais dos lugares recollidos, que permiten sumar á visita virtual no espazo unha exploración virtual no tempo.

Ademais do acceso ás visitas, a web ofrece máis información sobre o proxecto e as galerías de imaxes, así como a enquisa de avaliación e o libro de visitas, deseñada polo equipo do PreMedia 2 dirixido por Fátima Braña. Desde o proxecto animan ás e aos visitantes a deixar na web os seus comentarios “porque serán de grande utilidade para afrontar novos proxectos semellantes”.

A estrea da visita virtual é importante tamén porque fai visible a arte rupestre do interior de Galicia, menos coñecida e fóra dos destinos rupestres inscritos nos itinerarios culturais do Consello de Europa, como os Camiños de Arte Rupestre Prehistórico”.  

 

Páxina de inicio da web na que pode realizarse a visita virtual.

Artigos relacionados

Back to top button