“Os Concellos de Valdeorras e a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) levan varias semanas organizando accións simultáneas de restauración ambiental en zonas queimadas da comarca”, tal e como informa o Concello do Barco, un dos municipios participantes na iniciativa na que tamén están Vilamartín, A Rúa, Petín e O Bolo.
Na fin de semana do 17, 18 e 19 de outubro actuarán en zonas queimadas onde se prevé que a erosión dos terreos poden afectar a poboacións e as súas infraestruturas. O sistema de restauración ambiental consistirá en esparcir palla para o control da erosión, freo de escorrentías e restauración ambiental.
A acción de voluntariado está dirixida a persoas que previamente se inscriban para poder acudir logo ás zonas de actividade. No caso do Barco, aqueles que teñan interese poden inscribirse nas oficinas do Concello do Barco de xeito presencial, por teléfono (988320202) ou enviando un correo electrónico a concello@concellodobarco.org.
Cóntase con prazas limitadas, e a inscrición previa quedará pechada o próximo martes, 14 de outubro.