ConcellosQuirogaÚltima hora

Voluntarios acondicionarán o Castro de Penadominga, en Quiroga

Os participantes foron recibidos polo alcalde, Julio Álvarez, e a concelleira de Xuventude, Ana Lucía Nogueira, o pasado 20 de xullo na Casa Consistorial

Os voluntarios durante a recepción na Casa Consistorial de Quiroga. / Foto: cedida.

 

Os dez mozos que participan este ano no campo de voluntariado da Xunta de Galicia traballarán ata o 27 de xullo no acondicionamento do Castro de Penadominga, en Bendollo (Concello de Quiroga). Os restos arqueolóxicos están actualmente cubertos pola maleza e estas actuacións buscan poñelo en valor para facilitar a súa visita no marco dos múltiples recursos turísticos que ofrece o Xeoparque Montañas do Courel.

Os voluntarios limparán as malas herbas, acondicionarán o acceso e sinalizarán a ruta. Crearán unha páxina web onde se amosará a cartografía, planimetría e o perfil do camiño e, ademáis, varios códigos QR xeolocalizados permitirán obter información sobre a flora, a fauna e os distintos puntos de interese.

 

Os voluntarios durante a recepción na Casa Consistorial de Quiroga. / Foto: cedida.

 

O alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, e a concelleira de Xuventude, Ana Lucía Nogueira, recibiron aos participantes na tarde de onte, 20 de xullo, no salón de sesións da Casa Consistorial. Ese mesmo día, os voluntarios tamén visitaron o Museo Etnográfico, nunha visita que forma parte das actividades lúdicas e culturais que o campo ten programado para as tardes.

Este ano, o campo de voluntariado non é de ámbito internacional, senón autonómico e contará unicamente con dez mozos que desenvolverán as súas actividades baixo as medidas sanitarias pertinentes. En edicións anteriores, os campos acondicionaron diversos lugares de valor histórico e cultural do concello: unha ruta de senderismo, un tramo do Camiño de Inverno, o castelo dos Novaes, unha alvariza en Bustelo de Fisteus e o acceso á fervenza do Pombar.

Artigos relacionados

Back to top button