DeportesPiraguismoÚltima hora

Volve o Descenso do Miño de Ourense o vindeiro domingo

Esta proba, que cumpre 52 edicións, vén de ser presentada esta mañá

Presentación do Descenso do Miño de Ourense.

 

Este domingo, 26 de setembro, retorna ao calendario de competicións deportivas o Descenso do Miño, proba raíña do piragüismo que este ano alcanza a súa 52ª edición. Logo da ausencia desta actividade en 2020 por mor da pandemia, este ano retómase esta proba coa participación de 26 equipos, con 264 embarcacións e 336 deportistas. Destes piragüistas, 120 sairán de Os Peares -17 km de lonxitude con meta en Velle- e 216 de Barra de Miño -8km con meta en Velle, igualmente-.

O LII Descenso do Miño foi presentado esta esta mañá no hangar de deportes náuticos de Velle coa presenza de Mario Guede, concelleiro de Deportes; César Fernández, vicepresidente segundo da Deputación; Manuel Pérez, delegado da Xunta de Galicia para o Deporte en Ourense; e José Luis Fernández, presidente da Escuela Orensana de Piragüismo.

“Recuperamos pouco a pouco a normalidade nas competicións deportivas cun proba que é todo un referente dentro do Piragüismo do noso país”, recalcou o concelleiro de Deportes, Mario Guede. Pola súa banda, o presidente da Escuela de Piragüismo agradeceu a implicación das institucións para “non deixar escapar outra edición”, logo da ausencia de 2020, e louvou un percorrido “esixente” pero moi do gusto dos asistentes.

Na anterior edición, disputada en 2019, foron 28 os equipos participantes, con 273 embarcacións e 362 deportistas. O evento deportivo desde domingo comezará ás 11:00 horas, con saída tanto desde Os Peares como desde Barra de Miño. Haberá diferentes categorías, desde os 15 até os 60 anos, e participarán homes e mulleres indistintamente.

A hora de remate aproximada será ás 13:00 horas, estando previstas a entrega de premios en torno ás 13:30 horas.

A proba está organizada polo Consello Municipal de Deportes coa colaboración da Escuela Orensana de Piragüismo, a Federación Galega de Piragüismo, Xunta de Galicia (a través da Secretaría Xeral para o Deporte), Deputación de Ourense, o Concello de Coles, o Concello de Nogueira de Ramuín e a Deputación Provincial.

Artigos relacionados

Back to top button