No pleno da Deputación de Ourense celebrado neste venres, saía adiante (coa abstención do BNG) unha moción presentada polo grupo socialista na que se pedía “instar ao Goberno de España para a constitución dunha entidade pública empresarial con sede social, fiscal e operativa na provincia de Ourense, para a xestión directa das centrais hidroeléctricas en todo o territorio estatal, cuxa concesión administrativa finalice”. Deste xeito búscase darlle un “importante pulo á economía local e de reverter no noso territorio os beneficios da explotación dun ben público como a auga”, din os socialistas.
“Queremos conseguir recursos para unha provincia que os precisa como poucas,” destacou o voceiro provincial socialista, Rafael R. Villarino, quen tamén agradeceu ao grupo de goberno o seu apoio a unha iniciativa que “busca primordialmente o ben para Ourense e a súa veciñanza”. “Con esta empresa aquí, miles de megavatios poderían ser xestionados desde a provincia con importantes beneficios económicos e sociais para todos e todas”, aseverou.
Os socialistas destacaron que “non estamos a reclamar nin a compra de bens nin novos investimentos”, pois “trátase de agardar á caducidade de concesións xa amortizadas”. “Galicia é, xunto con Castela e León, a comunidade con maior potencia hidráulica instalada e Ourense é unha das provincias que encabeza a xeración de enerxía hidroeléctrica, polo que cremos que isto ten que reverter dalgún xeito nesta terra”, explicaron.
Concesións a caducar
Ademais, dende o partido socialista apúntase que no “conxunto de España, durante os próximos dez anos, expirará a concesión dunha trintena de centrais e decenas de pequenos saltos. En Ourense existen medio cento de encoros xestionados, na súa maioría, por Iberdrola, Naturgy e Endesa, pero tamén por outras pequenas sociedades. A concesión máis lonxeva será a dos Peares, pero na década comprendida entre 2010 e 2020 xa expiraron dúas e na presente expirará unha máis. Será entre 2030 e 2040 (10 extincións); entre 2040 e 2050 (16) e a partir de 2060 (17) cando rematen a meirande parte destes aproveitamentos hidráulicos”.