
Aínda que as cifras de casos activos en Xinzo de Limia melloran paulatinamente (a día de hoxe hai 43 fronte aos 53 que chegaron a contabilizarse a principios desta mesma semana) o nivel medio de restricións no que se atopa o municipio obriga a extremar as precaucións de cara aos próximos actos culturais marcados no calendario. A Festa do Esquecemento é o prato forte da programación cultural de verán e poderá celebrarse con todas as garantías sanitarias os días 20, 21 e 22 de agosto. Non será unha edición como as que se recordan –o ano pasado tivo que suspenderse por mor da pandemia- pero o Concello confía en que sexa tamén especial polo mimo co que se elaborou o programa.
Así o explicaba a alcaldesa, Elvira Lama, na presentación da festa: “Feita a consulta a Consellería de Sanidade, non se poden realizar determinados actos e só serán posibles aqueles en espazo acoutado, delimitado, con aforo controlado e todo tipo de protocolos sanitarios”.

Deste xeito, na Alameda do Toural levaranse a cabo todas as representacións teatrais e os concertos nos tres días de festa, e con horarios marcados e concretos. Unha empresa de seguridade será a encargada de controlar as entradas e saídas de veciños e visitantes e será obrigatorio o uso de máscara, a limpeza de mans, a toma de temperatura e a distancia nos diferentes actos programados. “De non poder ser doutra maneira, esperamos que resulte agradable e seguro para protexer a saúde da poboación en xeral”, recalcou a rexedora.
Tal e como explicou Miriam Opazo, da directiva da Asociación Civitas Limicorum, o programa comezará o venres 20 de agosto cun espectáculo de lume e o prendido do lume sagrado, ademais dun concerto de Grimorium, a partir das 22 horas.

O sábado 21 de agosto os actos comezarán ás 17 horas cun espectáculo de malabares e circo; a partir das 18 horas está prevista a entrega dos premios Bispo Idacio; ás 21:30 horas ofrecerase un concerto de Os da Porfía e de novo un espectáculo de lume. Será o domingo 22 de agosto cando se faga a adaptación do cruce do río, a partir das 17 horas. Os malabares poderán verse a partir das 19 horas e ás 20:30 subirá ao escenario Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre. Para asistir ao concerto será necesario inscribirse chamando aos números de teléfono 649 657 627 ou 678 120 607.
O mercado tradicional tamén se instalará no Toural para poder manter a distancia de seguridade. Na entrada ao recinto tomaranse os datos aos asistentes. Ademais, a programación inclúe por primeira vez un Escape Room na praza Carlos Casares, durante todo o día o sábado e o domingo e sobre a temática da festa. Tamén atraccións tradicionais para os máis pequenos na praza de San Roque, como carruseis de madeira e durante os tres días dos festexos.