OurenseÚltima hora

Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre actúan mañá en Celanova no ciclo musical Revenidas

O espectáculo 'O Camiño da Pedra' comezará ás 21 horas na praza Maior e contará coa colaboración de varios músicos

Xabier Díaz (dereita) co delegado da Xunta en Ourense e co alcalde de Celanova.

 

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou esta mañá na presentación do ciclo musical Revenidas. Acompañado do alcalde de Celanova, Antonio Puga, o promotor, Alfonso Vilanova, e o músico e compositor Xavier Díaz, o delegado territorial da Xunta sinalou que este concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre que se desenvolverá mañá sábado, 17 de setembro, ás 21 horas na praza Maior de Celanova, conta coa colaboración da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia e responde ao dobre obxectivo de “apoiar ás industrias culturais galegas e estender a celebración do Xacobeo a todo o territorio, dinamizando vilas e cidades”.

Esta proposta musical terá ademais unha compoñente especial; o músico coruñés presentará un espectáculo único, que titulou O Camiño da Pedra, no que convida a artistas amigos a subirse ao escenario con eles para acompañalos nun concerto no que revisarán os temas máis significativos dos seus repertorios. Entre estes artistas figuran Margarida Mariño (Galicia), Daniel Pereira (Portugal), Carola Ortiz (Cataluña), Carlos Herrero e Héctor Castillejo, músicos do grupo El Naán (Castela e León), e Donald Shaw e Karen Matheson (Escocia).

Gabriel Alén destacou a importancia da sinerxía entre administracións para a celebración deste Xacobeo, onde se conseguiu que “este Ano Santo e todas as celebracións ao seu arredor, acaden o éxito internacional e sexan un elemento tractor e dinamizador do sector cultural e turístico, elevando a Galicia como un dos destinos máis relevantes no eido cultural”.

 

Presentación do ciclo Revenidas.

 

O ciclo Revenidas, que cada ano se celebra en Vilaxoán, expande a súa programación da man do Xacobeo 21-22 e congrega en tres localizacións diferentes a tres dos principais referentes da música tradicional galega, entendida e presentada desde postulados ben diferentes: Treixadura, banda de referencia da música tradicional que está a celebrar o seu 30 aniversario e que combina a mestura das formacións dos grupos de gaitas cos orfeóns de voces masculinas; Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, como representantes da renovación creativa e estética das nosas músicas de raíz; e Baiuca, como principal expoñente da translación da música tradicional á contemporaneidade a través da súa mestura coa electrónica.

O primeiro dos concertos deste ciclo Revenidas – Xacobeo 21-22 foi o de Baiuca, que se celebrou en Ribadeo o venres 2 de setembro. O de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre terá Celanova por escenario o sábado 17 de setembro. O ciclo pecharase coa actuación de Treixadura en Lugo o domingo 23 de outubro. Os tres concertos serán de balde, con entrada libre ata completar o aforo.

Artigos relacionados

Back to top button