
Despois de tocar en Lisboa, Oslo, Glasgow, Madrid, Lorient e en tantas e tantas cidades e vilas europeas, españolas ou galegas (entre elas A Pobra de Trives), Xabier Díaz chega mañá, 7 de setembro, ao Barco de Valdeorras co seu traballo Noró, algunhas músicas do Norte.
E farao acompañado polos músicos triveses Gutier (violín e zanfona) e Javier Álvarez (acordeón diatónico) e as Adufeiras de Salitre, cos que comezaba hai uns anos e tras case catro décadas de traxectoria na música tradicional galega, un proxecto singular, volvendo á esencia e apoiándose nas recollidas realizadas polo rural ao longo de 25 anos. O primeiro resultado dese traballo conxunto era o exitoso The Tambourine Man (2015) e despois chegaba Noró, un disco con temas de corte tradicional pero de composición propia que os sitúa na punta da contemporaneidade con raíz.
O concerto, previsto para as 22:30h. a beira do río, no Malecón, enmárcase na fin de semana de “prefesta” previa ao Cristo que se celebrará do 13 ao 16 de setembro.