SanidadeÚltima hora

Xantar de despedida pola súa xubilación a ‘Uly’, DUE durante case 40 anos no Centro de Saúde de Vilamartín

 

De orixe alemana, motivos profesionais traían a Mitsou Ulrike Muller Hermann a España hai 45 anos, vencellándose á vida laboral e social de Vilamartín de Valdeorras dende 1985. Ese foi o ano no que, tal como conta a súa filla Iris, comezaba a traballar como DUE (Diplomada Universitaria en Enfermaría; da segunda promoción da USC) no centro de saúde vilamartinés, converténdose dende ese momento nunha peza clave da Atención Primaria nas terras de Valdeorras.

Durante todos estes anos ‘Uly’, como a chaman os seus compañeiros, levou a cabo a súa gran paixón, atender á xente, especialmente do ámbito rural, mantendo o contacto humano que é o que a ela lle gusta e destacando a función social do persoal sanitario, tan importante sempre pero máis se cabe nos tempos de crise e pandemia que pasamos.

 

Mitsou Ulrike Muller Hermann, ‘Uly’ e a súa filla Iris, no xantar.

 

Moitos anos de adicación e traballo que remataban en setembro de 2022 coa chegada da súa xubilación. Un momento esperado que celebraba por todo o alto con moitos dos que foron compañeiros seus. Unha trintena de profesionais dos centros de saúde de Vilamartín, A Rúa, Petín e Viana, e tamén do propio Hospital Público de Valdeorras que compartían con ela un xantar celebrado no mediodía deste venres 20 de xaneiro no Paladium ao que tamén asistía a súa filla Iris e o alcalde do municipio, Enrique Álvarez.

Xunto ao labor sanitario e social que desempeñou as súas compañeiras de profesión destacan de Uly a súa defensa do medio ambiente e da natureza, ademais do compañeirismo e “falar galego con acento alemán”, destacan a modo anecdótico, reafirmando así a súa completa integración na vida valdeorresa.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button