Ningunha é natural do Barco pero levan máis de corenta anos na comarca, como profesionais sanitarias do Hospital Público Valdeorras.
No mediodía deste venres 15 de novembro o Restaurante Fernando III do Barco acollía o xantar de despedida por xubilación de Ángeles, Rosa, Teresa e Amaya, catro mulleres que tras toda unha vida adicada ao coidado da poboación, cada unha dende a súa especialidade, comezan unha nova etapa.

Ángeles Sierra Rodríguez, natural de Ponferrada, foi auxiliar de oftalmoloxía dende a súa entrada no hospital en 1987; Rosa Masid Rodríguez (Nogueira de Ramuín), exerceu como enfermeira de consultas e laboratorio dende 1982; Teresa González Álvarez (San Xoán de Río) como matrona, antes en paritorio e ultimamente no servizo de solo pélvico e menopausia, no hospital dende 1985; e Amaya González Gómez (País Vasco), que non pudo asistir ao xantar, foi ata agora a enfermeira de planificación familiar.
Hoxe eran sorprendidas polos que foron durante anos os seus compañeiros de profesión, algúns aínda non hospital, outros xa xubilados, sentíndose moi “agradecidas a todos porque durante moito tempo fomos e seguimos sendo, como familia. Viñamos traballar e coñeciámonos, como unha familia axudándonos”, din, recoñecendo que o “noso deber era atender aos pacientes e tratalos ben a todos porque se te dedicas a coidar tes que facelo ben”.
Con todo, diante dos asistentes (unhas 70 persoas) e xa os días previos teñen sentimentos encontrados. “Contentas porque te xubilas e vas ter tempo para facer outras cosas, pero tamén melancólicas porque é como se perderas algo, despois dos anos que vivimos aquí, con tantos compañeiros, tantas vivencias… Sentimos alegría e á vez tristeza porque non volvereremos a vivir o vivido aquí dentro”, destacan.
Fotos e vídeo: O SIL.



