ConcellosEspeciaisÚltima hora

Xantar e aniversarios, no Codillo

Homenaxes á Cooperativa, ao colexio Pablo VI e a Abertal no marco da VII Festa do Codillo da Rúa
Comensais na festa da pasada Feta do Codillo.
Comensais na festa da pasada Feta do Codillo.

Cun formato similar a outros anos, pero con novos protagonistas. Así se presenta a VII edición da Festa do Codillo da Rúa, organizada polo Concello para o sábado 25 de xaneiro de 2014, pechando o calendario gastronómico do mes en Valdeorras.

Unha cita que dende hai catro anos, comeza cun apartado oficial de recoñecemento a unha institución ou persoa vinculada coa Rúa, antes de continuar co xantar propiamente dito no pavillón polideportivo. Primeiro foi o nomeamento como fillos adoptivos ao ex xogador de baloncesto Wayne Brabender e ao xornalista extremeño de Almendralejo Juan Francisco Sánchez Argüello; despois foron María Sotelo Vilar “Maruja” do Mesón O Toño e a adega cooperativa Virxe das Viñas, quenes recibían unha mención especial polo labor desenvolvido a prol da festa; o ano pasado tocoulle o turno a Vitorino Núñez a quen rendiron homenaxe poñéndolle o seu nome ao pavillón do Aguillón; e este ano “cumpren 50 anos o colexio Pablo VI e a cooperativa, e 25 a agrupación de música e baile tradicional Abertal, polo que lles faremos unha mención de honra ás tres institucións” explica o alcalde da Rúa, Avelino García Ferradal.

O programa aínda non está pechado e non se sabe moi ben en que consistirá o acto pero será o mesmo día do Codillo, en torno ao mediodía, nas dependencias municipais. “Entregarémoslle unha placa conmemorativa da data ao representante de cada un dos tres homenaxeados” engade Avelino.

Polo demais o desenvolvemento da festa será pouco máis ou menos como o ano pasado. O prezo das entradas mantense nos 15 euros, e uns quince días antes da cita, poranse á venda en torno a 700. O menú que poderá degustar quen as merque, será coma sempre consomé con picatostes, codillo con grelos, patacas e chourizo, e de postre bica. Para beber, auga e viño da zona, café e licores dixestivos.

Texto: Mónica G. Bellver Foto: Carlos G. Hervella
(Máis información na edición en papel do Periódico O Sil).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button