EconomíaEconomíaPizarraÚltima hora

Xantar e festa sorpresa para José Bayo Arias pola súa xubilación do sector da lousa

Os traballadores da empresa na que era encargado de nave sorprendíano cunha xuntanza no restaurante Paladium

 

Sen palabras. Así quedaba José Bayo Arias cando no mediodía deste sábado 24 de febreiro chegaba ao restaurante Paladium, en Vilamartín de Valdeorras, e se atopaba rodeado de compañeiros de traballo, que lle tiñan preparada unha emotiva sorpresa pola súa xubilación.

 

 

“Hoxe é un día moi grande para min”, dicía o propio José antes de empezar o xantar que reunía a unhas 40 persoas. “Non imaxinaba isto para nada, de feito esta mañá pensaba ir de caza pero ao final convencéronme para vir comer aquí e cando chego atópome con toda a miña xente, despois de tanto tempo. Non teño palabras para describir esta sorpresa”, aseguraba emocionado recoñecendo que sempre intentou levarse ben con todos os traballadores, malia as diferencias. “Cada un no seu posto pero todos somos obreiros dentro da empresa, defendendo o traballo”, algo que sen dúbida logrou nos 44  anos que leva vinculado ao sector da lousa.

 

 

Comezou a traballlar con 14 anos e pasou por diferentes empresas do sector, 33 dos cales estivo como encargado de nave, os últimos 17 en Cufica, onde se xubila. E eran precisamente os traballadores desta empresa os que hoxe, xunto á súa familia, lle demostraban o seu cariño en forma de homenaxe. “O posto de encargado hoxe é máis complicado que antes, hai que ser psicólogo porque hai xente fantástica e outra non tanto pero hai que formar equipo e eu sempre digo que, nun equipo ten que funcionar todo dende o porteiro ata a dianteira, senón non é tal e eu é algo que intentei que funcionara sempre”, di emocionado por telo logrado, dando as grazas a todos.

 

 

Natural de La Baña (León), José leva 34 anos vivindo no Barco de Valdeorras e tras o xantar compartía unha festa cos compañeiros de traballo e a familia.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button