OurenseÚltima hora

Xantar preséntase este ano como “a edición máis internacional”

O Salón Internacional de Turismo oferta máis de 200 experiencias, con Portugal como convidado, entre as que hai 20 menús de 15 restaurantes, acitividades cada 15 minutos, showcookings e catas, entre outros
Alejandro Rubín, Manuel Correia, Jesús Vázquez, Marisol Díaz, Rosendo Fernández, Camilo Hoyos e Alina Concepción. // Foto: Carlos Asensio.

O Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar, presentouse hoxe, 29 de xaneiro, como “a edición máis internacional”. Así o asegurou o director xerente de Expourense, que no acto estivo acompañado pola delegada a Xunta en Ourense, Marisol Díaz; o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; o vicecónsul xeral de Portugal para Galicia, Manuel Correia da Silva; Camilo Hoyos, vicepresidente do Club Gastronómico de Panamá e Alina Concepción, secretaria xeral do INADEH (Instituto Nacional de Formación Profesional e Capacitación para o Desenvolvemento Humano) de Panamá. Xantar vaise celebrar a partires deste mércores, 31 de xaneiro.

Portugal é o país convidado para esta décimo novena edición de Xantar. “Estará presente todo o país, dende o norte até o sur e as illas -Açores e Madeira-“, explicou Manuel Correia. E Panamá, que repite experiencia tras seres o convidado na anterior edición. A liña e o obxectivo que ten Portugal nesta edición é dar a coñecer Galicia ao público luso e viceversa.

En canto á oferta gastronómica, Alejandro Rubín salientou que van estar presentes 15 restaurantes e 20 menús con prezos comprendidos entre os 14 e os 30 euros, prezos “máis que populares para tamén atraer ao público máis novo”, resaltou Rubín. Todo eles inclúen produtos amparados por unha Denominación de Orixe ou Indicación Xeográfica Protexida.

En canto ás actividades, o director xerente de Expourense dixo que “haberá unha actividades cada 15 minutos de feira” que fan un total de 200 experiencias. Dentro do variado programa haberá “showcookings” -máis de 50- con chefs de renome como Javier Rodríguez “Taky”, Flavio Morganti, Alberto Lareo, José Mallón ou Emma Pinal, así como cociñeiros de Portugal, Costa Rica ou do Club Gastronómico de Panamá, México e Estados Unidos. Tamén salienta o Túnel do Viño “que este ano amplíase” contando cos cinco consellos reguladores galegos e “presentará máis de 115 referencias da comunidade, prestando atención aos viños que gañaron as catas oficiais de Galicia”. Tres aulas gastronómicas, un curso de “defectos do viño” que impartirá EVEGA e actividades paralelas e actos especiais.

“Teremos todo o recinto de Expourense cuberto e máis de 200 expositores”, resaltou Rubín, que dixo que a boa climatoloxía fará que acudan máis visitantes a esta cita gastronómica internacional. Tamén dixo que teñen “as expectativas moi altas” e que esperan que acudan máis de 1.000 persoas ao día. “Esperamos bater moitos récords”, dixo Rubín con optimismo.

Pola súa banda, Camilo Hoyo, resaltou que Xantar supón “un escaparate” para dar a coñecer as vontades da gastronomía panameña, resaltando receitas tradicionais “adaptadas aos gustos actuais”. Adiantou que o seu menú ten “unha sobremesa sorpresa con influencia española”, concretamente será arroz con leite “transformado con produtos panameños”. Na mesma liña falou a súa compañeira, Alina Concepción, que reiterou que isto “vai ser unha experiencia moi enriquecedora” para os mozos que aprenden cociña no INADEH.

Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, loou o éxito de Xantar, “é unha conquista de todos os ourensáns”, dixo. E o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, resaltou que Ourense “gañou a pulso” celebrar Xantar, xa que a gastronomía e a cociña ourensá e galega “é cociña sobresaliente e sen artificios”. Ourense exercerá de anfitrioa con dous restaurantes “que reflicten o bo estado da hostalería da cidade”, resaltou o rexedor.

Pero Xantar vai máis aló da comida, e tamén é un punto de encontro entre profesionais. Alejandro Rubín dixo que case unha ducia de turoperadores especializados no sector “vanse entrevistar cos expositores” para facer negocios.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button