EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Xornada de enoloxía homologada pola Wine & Spirit Education Trust, en Laias (Cenlle)

Nela participan representantes de 25 adegas amparadas baixo o selo de calidade dos consellos reguladores de viños e augardentes galegos

 

Uns 25 representantes de adegas amparadas baixo os diferentes selos de calidade dos consellos reguladores de viños e augardentes galegos están a participar hoxe no Balneario de Laias (Cenlle), nunha xornada formativa en enoloxía homologada pola Wine & Spirit Education Trust (WSET). Esta acción foi impulsada dende a Asoicación de Consellos Reguladores Vitivinícolas Galegos e das II.XX Augardentes e Licores de Galicia (Acruaga), con respaldo da Xunta de Galicia, a través do Igape, e impartida por Jorge Vila, director da Galicia Wine Academy.

A iniciativa enmárcase nas accións de formación para o apoio á internacionalización do sector, que Acruaga impulsa co apoio do Igape. Unha das principais actividades formativas promovidas pola Asociación, no último ano, foi un programa orientado a directivos de empresas vitivinícolas e impartido por docentes da Galician Business School. Neste 2022, as accións formativas de Acruaga culminan coa organización do curso celebrado hoxe, que se corresponde cun nivel 1 da WSET (cualificación de nivel 1 en viños WSET). “Trátase dun curso de introdución para explorar os principais estilos de viño de forma práctica, desenvolvendo as habilidades sensoriais para describilos e elaborar maridaxes”, destaca Juan Gil de Araujo, presidente de Acruaga.

 

 

Aposta pola formación continua Promover a excelencia, a internacionalización e a formación continua son parte dos obxectivos da asociación que aglutina aos cinco consellos reguladores de viños galegos e ao de augardentes. Neste sentido, o presidente de Acruaga abonda que a acción formativa desenvolvida ao longo do día de hoxe “dá reposta a unha forte demanda interna, por parte das adegas, de realizar en Galicia un curso homologado por WSET”. WSET (Wine & Spirit Education Trust) é unha organización con sé en Londres e estendida por todo o mundo que conseguiu converterse en referencia mundial na formación do viño. Os seus cursos caracterízanse por estar orientados a un enfoque internacional de viño.

Acruaga

Creada a principios de 2021, a Asociación de Consellos Reguladores do Viño, Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia (Acruaga) naceu para dar cobertura a un convenio de colaboración asinado entre seis consellos reguladores da comunidade autónoma e o Igape, co obxectivo principal de impulsar a promoción conxunta no estranxeiro e favorecer a internacionalizacións dos viños, destilados, licores e augardentes galegos.

Neste sentido, Acruaga promoveu ao longo de 2022 a presenza conxunta dos viños e augardentes galegos nas relevantes feiras internacionais de Vinexpo (París) e London Wine Fair (Londres). Proximamente, ademais, impulsará unha acción promocional común na capital de Holanda.
Forman parte de Acruaga os consellos reguladores de Rías Baixas, Ribeiro, Ribeira Sacra, Monterrei e Valdeorras, ademais dos II.XX Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button