ConcellosÚltima horaVídeos

Xornada sobre seguridade vial e laboral no sector da lousa

Desenvolvíanse esta mañá coa presenza de diversos expertos na sede do Clúster da Pizarra de Galicia, en Sobradelo

 

A sede do Clúster da Pizarra de Galicia, en Sobradelo (Carballeda de Valdeorras), acollía ao longo desta mañá unhas xornadas sobre seguridade laboral e vial dirixida ao sector extractivo da lousa. O encontro abríase coas intervencións de David Llorente Rey, xefe provincial de Tráfico de Ourense, e de Javier Barja, tenente do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Ourense, que realizaban unha análise da sinistralidade vial no sector da lousa.

Llorente iniciaba a súa intervención indicando que a intención desta actividade é ofrecer unha información completa “e que fose útil para o sector”, e amosaba o seu agradecemento ao Clúster pola cesión das súas instalacións. “O que pretendemos transmitir é a necesidade de que nos plans de prevención de riscos das empresas do sector se inserten cuestións de mobilidade”.

 

 

David Llorente tamén destacaba que no tráfico “sempre dicimos que hai tres actores principais: o factor humano, que neste caso sería o traballador, outro sería o vehículo e un terceiro, a estrada, que neste sector se refire a como xestiona a empresa os desprazamentos. Por temas de traballador, noutras empresas no relativo a boas prácticas o primeiro que se acostuma facer son unhas enquisas ao persoal para ver que necesidades teñen de mobilidade. Xa sei que aquí van en vehículos varios traballadores, pero indo en vehículo compartido está demostrado que, a máis persoas no vehículo, menos distraccións. Outra cuestión importante e que nos preocupa é a do uso do cinto, e que debería plasmarse obrigatoriamente neses plans de mobilidade”. Así mesmo expoñía diversas medidas de cara a mellorar esa seguridade vial no referente aos vehículos e nos desprazamentos, nas rutas, que se poden arbitrar nos plans de mobilidade. “A nosa idea é introducir esta cultura preventiva neste sector porque non temos unha radiografía do que pasou dentro”.

 

David Llorente, xefe provincial de Tráfico de Ourense.

 

A continuación, Javier Barja, tenente do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Ourense, apuntaba que “o ámbito do sector louseiro na provincia é un de tantos ámbitos que nos interesa especialmente polo volume de vehículos pesados que hai. Tamén outros sectores como as areeiras en Xinzo, que moven unha gran cantidade de vehículos pesados e que, ao final, é tráfico que temos na provincia”. Ademais matizaba que existe un “antes e un despois dende o ano 2017, cando sae o Real Decreto 563, que regula as inspecións técnicas en estrada e cuxo anexo 1 indica como levar unha carga correctamente estibada”.

 

 

Barja comentaba que “entendemos perfectamente como funciona o sector da lousa, a necesidade de sacar os grandes trozos de lousa e de non poder fragmentalos en máis trozos”, pero indicando que existe “problemática de base como o non uso do cinto de seguridade ou unha estiba da carga que moitas veces podería ser moi mellorable. O importante é poder evitar posibles vítimas”. Así mesmo expresaba o apoio total do Subsector de Tráfico “en calquera tema formativo ou dalgunha necesidade a nivel transportes, lexislación, seguridade vial, etc.”.

 

Javier Barja, tenente do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Ourense.

 

 

A partir de aí David Carregal, Garda Civil especialista no sector transportes do Destacamento do Barco, centrábase na estiba da carga, diferenciando “entre cargar e estibar” e entrando no Real Decreto Lei 3/2022 para falar sobre quen está autorizado a facer as cargas, os responsables da estiba e da carga.

A xornada continuaba coas intervencións de Fernando Lozano, xefe da Policía Local do Barco, quen abordaba a recollida de traballadores do sector no Barco; de Ángel López, xefe do Centro Issga-Ourense, quen explicaba a tipoloxía dos accidentes da lousa; de Antonio Lucas García, técnico do Servizo de Minas de Ourense, quen expoñía as condicións dos vehículos en minería. Finalmente, as representantes de Mutua SLG falaban da prevención de riscos laborais viais no sector.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button