EconomíaEconomíaÚltima hora

“Xornadas Mutante’s”, punto de encontro de proxectos de innovación rural, na Veiga

Este foro, promovido polo colectivo Rural Mutante, está programado entre o 9 e o 11 de outubro

 

O colectivo Rural Mutante, composto por cinco persoas novas da Veiga e Viana, está a organizadar o foro “Mutante’s: xornadas de encontroentreproxectos de innovación rural”, co fin de “proporcionar un espazo de intercambio e coñecemento de proxectos que permiten a vida no rural”, tal e como veñen de informar a través de nota de prensa. Está previsto que se celebren do 9 ao 11 de outubro no salón de conferencias do Toural, na Veiga.

Baixo o marco da innovación, “entendida como a incorporación de elementos novos que permiten que algo teña máis forza”, explican, a organización vén de seleccionar un total de catorce ponencias e catro obradoiros para amosar distintas formas de habitar o rural.

“Todos estes proxectos fan unha aposta forte por un rural vivo e fano dende distintas frontes: a agricultura en ecolóxico, a transformación de produtos, a gandeiría, a cultura, a xestión dos montes, etc. O obxectivo é poder crear un espazo no que coller ideas e tamén intercambiar saberes”, indican os promotores do encontro.

Ademais, a través desta iniciativa tamén se busca amosar os produtos e iniciativas que se están a desenvolver na Veiga. A convocatoria estase a realizar a través das redes sociais. Prevese controlar os aforos e tamén se establecerán medidas de seguridade sanitarias. Así mesmo a xornada retransmitirase en directo a través das redes sociais para facilitar o seu seguimento.

Este proxecto “é posible grazas ao financiamento do programa Iniciativa Xove, da Direción Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado” e á colaboración do Concello da Veiga, asegura a organización.

Artigos relacionados

Back to top button