EconomíaEconomíaEn portadaGalerías de fotosPizarraÚltima hora

A Xunta convocará un novo Plan Renove da lousa

O anuncio facíao o director xeral de Enerxía e Minas na visita que realizaba na mañá do 2 de febreiro a Pizarras Vazfer

 

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, achegábase na mañá do 2 de febreiro ata o sector valdeorrés da lousa. Tras pasar polo Centro Tecnolóxico da Pizarra, en Sobradelo (Carballeda de Valdeorras) onde se reunía co sector e facía un balance favorable da súa actividade no 2016 e das previsións para este ano, visitaba, acompañado por representantes do Clúster da Lousa de Galicia, a canteira de Pizarras Vazfer. Alí sorprendíalles unha nevada.

O percorrido continuaba na nave de Pizarras Vafzer, onde Tahoces facía unha valoración desta viaxe. “Quería coñecer unha explotación, unha fábrica máis do sector e comprobar como durante este tempo as cousas van evolucionando, porque estamos nunha nave na que practicamente non hai po e isto é un avance que se está producindo e que estou contrastando ano a ano, as cousas van camiñando na boa dirección no ámbito da seguridade e hixiene no traballo”, aseguraba o director xeral. Tamén apuntaba que, tras ver a canteira, comprobaba “como se están minimizando os impactos visuais e como a medida que se e vai explotando van facendo unha restauración”.

O director xeral de Enerxía e Minas, destacaba o valor “estratéxico deste sector ” valdeorrés e  anunciaba ademais que a Xunta porá en marcha este ano unha nova convocatoria do Plan Renove de Lousa, tras dedicar 1,64 millóns de euros en 2016 a este programa que permitiu apoiar 280 proxectos presentados en Galicia por familias e comunidades de propietarios interesadas en renovar cubertas e fachadas de edificios de vivendas. No caso concreto de Ourense, a Consellería de Economía, Emprego e Industria subvencionou 54 iniciativas por un importe global de preto de 275.000 euros.

Despois, Ángel Bernardo Tahoces desprazábase ata o Concello de Carballeda de Valdeorras, onde mantiña unha xuntanza coa súa alcaldesa, María Carmen González.

Fotos: Carlos G. Hervella, agás a primeira da galería.

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button