OurenseÚltima hora

Xunta e Concello informan aos axentes inmobiliarios sobre o Programa de Vivendas Baleiras

Ourense foi o primeiro Concello en sumarse ao programa e ten tres vivendas inscritas nel. O obxectivo é buscar novos pisos destinados a alugueiros sociais
Heriberto González e Jesús Vázquez en declaracións previas á xuntanza.

A Xunta e o Concello de Ourense convocaron esta mañá aos axentes inmobiliarios da capital para presentarlles o Programa de Vivendas Baleiras da Xunta de Galicia. O encontro estivo presidido polo director do Instituto Galego de Vivenda e Solo, Heriberto García e o propio alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.

Segundo informou Vázquez en declaracións previas á reunión cos axentes, a través deste plan a Xunta aporta o 70% do aluguer da vivenda até un máximo de 350 euros na cidade, “noutras poboacións a contía pode variar”, dixo. O Concello de Ourense foi a primeira entidade municipal en sumarse a este plan e, polo momento, “hai tres vivendas postas á disposición dese programa da Xunta” para familias con dificultades, asegurou Vázquez.

Este programa de Vivendas Baleiras está enmarcado dentro das 12 medidas que no conxunto deste ano “axudaron a máis de 1.200 familias”, cifrou Heriberto García. Este plan é a última desa ducia de medidas. En canto ao funcionamento, os máis de 30 concellos adheridos ao plan, aportan vivendas baleiras ao programa para “dinamizalas e mobilizalas e utilizalas para alugueiros sociais”, contou o secretario xeral. Pola súa banda, a Xunta outorga as garantías de cobertura e impago de rendas, garantías de risco, “para que a vivenda sexa devolta nas mesmas condicións ao propietario”, e un programa de axuda xurídica “por se houbese algún tipo de diverxencia”, asegurou García.

Pola súa banda, o alugueiro desas vivendas incorporadas ao programa serán adxudicadas a eses colectivos que teñen máis necesidades de ter unha vivenda. Ao mesmo tempo, o Plan de Vivenda Baleira pódese complementar con bono de alugueiro social da Xunta, que outorga axuda a aqueles inquilinos que non teñan suficiente poder económico para pagar a renda do seu piso e contempla unha axuda inicial para sufragar os primeiros gastos de arrendamento. Un bono que ten unha prórroga de tres anos.

O obxectivo desta convocatoria foi “animar a difundir estas medidas para pedir participación aos axentes inmobiliarios”, asegurou o director xeral, Heriberto García. Os propietarios dos inmobles que queiran adherir poden ser persoas físicas ou xurídicas. Como se dixo anteriormente, en Ourense hai só tres vivendas alistadas a este programa e tamén sete novos concellos están pendentes de adherirse.

Artigos relacionados

Back to top button