A gastronomía é un dos ingredientes cos que cada ano dende hai dezaseis, se elabora a programación de Entroido no Barco de Valdeorras. Por iso, o desfile de comparsas e o enterro da sardiña, actos representativos desta festa na vila barquense, virán acompañados dos sabores máis tradicionais que se poderán degustar nas XVI Xornadas Gastronómicas organizadas por AEVA e o Centro Comeracial Aberto O Barco en colaboración co Concello.
Entre os días 12 e 17 de febreiro, o público interesado poderá elixir entre varios menús elaborados con produtos típicos do Entroido en nove establecementos da vila, con prezos que oscilarán entre os 15 e os 25 euros, así como entre trece pinchos noutros tantos locais que se cobrarán ao prezo de 1 euro.
Dende a organización editaron un folleto, a disposición dos clientes en cada establecemento, no que se especifican os menús dos restaurantes, os prezos e os pinchos que ofrece cada un.
Os establecementos que participan nesta edición das Xornadas Gastronómicas do Entroido son: Asador de Viloira, Bar-Restaurante Casa Ignacio, Restaurante Casa Galaica, Piquiño Restaurante, Restaurante Fernando III, Restaurante Agarimo, Mesón Vila do Castro, Cervecería Guigurri e Pazo do Castro.
Con respecto aos pinchos, poderanse degustar en Restaurante Fernando III, Bar San Cristóbal, Piquiño Restaurante, Vinum, Cafetería Olimpo, Café Bar Ambigú, Bar A Cova, Café Bar Lisboa, Taberna O Buraco, Agarimo, Cervecería 13/14, Casa Galaica e Mesón Vila do Castro.