Aínda que estaban convocadas 1.407 persoas de entre 30 e 60 anos, finalmente eran 1.065 (o 75,7% da poboación convocada) os veciños da Rúa que participaban hoxe no cribado poboacional de Covid.
As probas PCR comezaban ás dez da mañá e remataban pasada as sete da tarde deste domingo 13 de decembro no pavillón polideportivo da Rúa, ata onde se desprazaba un completo equipo da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.
O cribado poboación na Rúa, unha medida que xa se fixo no concello de Sarreaus coa participación do 78,8%, realizábase a consecuencia da decisión do Subcomité Clínico tomada o pasado venres de elevar ao concello valdeorrés ao nivel medio-alto de restricións polo aumento consecutivo de número de casos positivos na última semana. O obxectivo é localizar casos asintomáticos.