En portadaÚltima horaVídeos

15 emprendedores presentan na Rúa os seus proxectos dentro do Coworking Valdeorras

A xornada 'Demo Day' celebrábase na mañá deste 19 de outubro no Centro Cultural Avenida

 

Seis meses despois de poñerse en marcha o Espazo Coworking EOI na Rúa, un total de 15 emprendedores da comarca de Valdeorras (tamén algún de fóra), presentaban os seus proxectos nun acto celebrado na mañá deste mércores 19 de outubro no Centro Cultural Avenida.

O solemne acto, ao que asistía a directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao e o representante da Escola de Organización Industrial, Javier Benito, era inaugurado polo alcalde da Rúa, Álvaro Fernánez, quen daba a benvida aos emprendedores, felicitándoos de anteman polas súas iniciativas e destacando o éxito da convocatoria ao ser o primeiro Coworking en cubrir as prazas “o que demostra que aquí temos xente nova con ganas de emprender e traballar”, dixo o rexedor.

 

O alcalde da Rúa, Álvaro Fernández abrindo o acto.

 

Na súa intervención, Margarita Ardao anunciou que o próximo ano a Xunta abrirá outros dous novos polos que darán servizo a rexión Miño Central e Valdeorras, co que se estenderá a cobertura dos seus servizos a todos os concellos da provincia. “Galicia contará cun total de 12 centros antes de que remate 2023, cinco deles estarán activos este mesmo ano: Ourense Centro e Sur, Pontevedra Sur e Rías Baixas e Costa da Morte -xa en marcha- aos que sumarán outros dous en Ferrolterra e comarca de Lemos”, dixo. A través destes polos, detallou Ardao, ofrécese “unha rede unificada e coordinada, conformada por titores que acompañan desde o comezo e durante cada etapa ás persoas que inician a súa andaina empresarial”. Trátase de brindarlles as ferramentas para que sexan capaces de emprender “en condicións de seguridade e para garantir que os seus negocios crezan e se poidan consolidar no tempo”, engadiu.

A xornada contaba tamén coa presentación do “caso de éxito” por parte da emprendedora Chusa Expósito da comarca da Ulla (A Coruña), que se poñía en marcha na anterior edición do Coworking. De seguido tocáballe o turno aos protagonistas da 6ª edición, en Valdeorras, comezando por Lorenzo Abeleira e o seu seu proxecto Alpha e Omega Reformas que ofrece “unha solución integral a todo tipo de reformas”.

 

Asistentes ao acto no Centro Cultural Avenida da Rúa./ Foto cedida.

 

Entre os emprendedores da Rúa estaban María José Fernández Arias que presentou a súa iniciativa para potenciar e relanzar a Adega Cooperativa Virxe das Viñas; Susana de la Cruz coa súa Carmela, deseño que “aspira a converterse nese personaxe turístico que se asocie ao concepto galego e como muller represente a Galicia”; Nadia Pfirter e Ángel Ramón coa Pizzería Orballo que aposta por “preparar e vender un produto artesanal de excelente calidade, elaborado con produtos da terra”; Jorge Arias co novo proxecto de Mecanizados Rúa “un taller boutique para resolver demandas moi específicas e de alto valor engadido”; Fina Crespo coa súa marca Finart, proxecto emprendedor centrado no deseño e elaboración artesá de xoias; David González con Adegas Val de Covas ubicada en Vilela na procura da “transmisión da tradición e esforzo”.

Dende O Barco estaban Nerea e Javier Gómez responsables do estudo Nós Creativos; Javier Rodríguez Paradelo con Renovados, proxecto de mellora da sostibilidade medioambiental; Jorge Álvarez con A Tenda da Rita coa que “dar a coñecer o potencial de Valdeorras a través dunha tenda física e online”; ou Javier Brasa con Feito con Xeito, un espazo que vai máis alá da fotografía ofrecendo agasallos personalizados.

 

Artigo co selo ‘Carmela’ de Susana de la Cruz.

 

Tamén presentaron os seus proxectos Raquel Barbosa con Cabañas A Veiga “espazo máxico no medio da natureza”; Laura Fernández e Matria, proxecto centrado no empoderamento feminino no rural a través das relacións nai-filla; Eva María Lozano con Cerci “empresa centrada na investigación da resolución de conflitos”; e Jackeline Milagros Yang Aconn Cachi e Nutraclub, proxecto de creación de programas específicos de saúde e nutrición para mulleres.

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button