O goberno central vén de aprobar, a través da Conferencia Sectorial de Turismo, a posta en marcha en Galicia de 16 proxectos beneficiarios da II Convocatoria extraordinaria do programa de Plans de Sustentabilidade Turística en Destino 2022, financiado integramente con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Entre eles figura un de Valdeorras.
Galicia recibirá 34.575.400 euros para o desenvolvemento dos proxectos aprobados na rexión. En total, o Goberno investirá 720 millóns de euros dos fondos NextGenerationEU en materia de sustentabilidade turística. “Hoxe demos un paso importante para mellorar os destinos turísticos españois e facer deles o motor da competitividade da nosa oferta. Coa concreción dos proxectos, avanzamos cara á sustentabilidade e a dixitalización, que son claves para o futuro turístico do conxunto das rexións do noso país”, valorou a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto. Na súa reunión deste mércores, a Conferencia Sectorial de Turismo aprobou definitivamente un total de 196 proxectos de sustentabilidade turística en destino para todas as comunidades autónomas, dos que 175 serán xestionados polas entidades locais beneficiarias e 21 corresponden a accións de cohesión que desenvolverán as propias autonomías e tamén terán impacto en destino.
Os tres proxectos aprobados na provincia de Ourense son os seguintes:
Ribeiro-O Carballiño (Asociación local): PST Ribeiro-O Carballino. 1.500.000 euros. Este plan ten como principal obxectivo a restauración paisaxística para a eliminación de puntos degradados en lugares de interese turístico, con intervencións de xestión ambiental en zonas con risco de inundacións. Tamén inclúe medidas para a mellora da promoción turística deste destino.
Valdeorras (Asociación local): Valdeorras, ruto do viño milenaria. 1.500.000 euros. Preténdese a mellora da xestión de uso público dos espazos naturais, coa creación dun novo equipamento que permitirá un aproveitamento turístico sostible e a posta en valor do patrimonio natural e cultural da comarca. Intervirase en Covas de Valdeorras, Pena Trevinca e na mobilidade entre os principais municipios da comarca.
O Carballiño (Concello): PSTD O Carballino e a gastronomía do polbo. 1.000.000 euros. O plan céntrase na rexeneración natural dos parques da contorna fluvial e integración co núcleo urbano, así como na rehabilitación dalgunha infraestrutura, e mellora de sinalización e iluminación. Todo iso pensando nunha mellora da oferta turística relacionada coa gastronomía do polbo.